A conselleira de Política Social compareceu hoxe no Parlamento galego para dar conta das medidas en materia de pobreza e inclusión

Fabiola García avanza que antes de que remate o ano reactivaranse os traballos para a actualización da Axenda Social Única

Apela ao consenso para estar á atura das necesidades das galegas e galegos

Sinala que Galicia contará con máis fondos ca nunca na loita contra a pobreza e a exclusión social, con 125 millóns de euros

Entre outras medidas, incrementarase nun 50% a achega aos Bancos de Alimentos de Galicia

Santiago de Compostela, 25 de novembro 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, avanzou que antes de que remate o ano reactivaranse os traballos para a actualización da Axenda Social Única, un instrumento que permitirá artellar a “necesaria colaboración” entre entidades sociais, os concellos de Galicia e a Xunta na loitar contra a pobreza e a exclusión social. Así o apuntou durante a súa comparecencia no Parlamento galego para dar conta das medidas impulsadas nesta materia.

Fabiola García apuntou que “é necesario que todos nos poñamos mans á obra, porque a exclusión social non coñece de fronteiras administrativas”. Por iso, animou ao consenso para estar á altura das necesidades de Galicia. Así mesmo, destacou que o Goberno galego destinará máis fondos ca nunca para loitar contra a pobreza e exclusión social nos orzamentos do ano 2021. En concreto, sinalou que as contas públicas para o ano 2021 contemplan 125 millóns de euros para esta materia, un 4,5% máis que no 2020.

En concreto, a conselleira detallou aqueles programas e iniciativas que o Goberno galego reforzará o vindeiro ano para atender ás necesidades que xurdiron por mor da covid-19. Entre elas, blindar o orzamento da Risga e acompañar aos fogares que o precisan na súa transición ao Ingreso Mínimo Vital. Unha prestación que se está a implantar, criticou, “con máis dificultades e atrasos dos que a todos nos gustaría” polo rexeitamento do Goberno central a traspasar as competencias ás Comunidades Autónomas.

Ademais, tamén se incrementarán un 35% os fondos para Axudas de Inclusión Social (AIS) ata os 4,5M€; seguirase transferindo ás entidades a maior orde de axudas para a loita contra a pobreza, dotada con 18M€; afondarase na Tarxeta Básica, que puxo á disposición de 11.000 fogares para comprar produtos de primeira necesidade; impulsarase o Plan de atención ás persoas sen fogar, dotado con 73M€; e incrementarase preto dun 50% a achega aos Bancos de Alimentos de Galicia.

Imaxes relacionadas