Luisa Piñeiro supervisa as melloras do Plan Marco na parroquia de Dimo na súa primeira visita institucional ao concello de Catoira

A delegada territorial mantén unha reunión de traballo co alcalde, Alberto García, e co concelleiro encargado de relacións coa Xunta, Iván Caamaño

Garante a “máxima colaboración e compromiso” do executivo galego tras o anticipo de 236.000€ para a remodelación do campo de fútbol das Lombas e recolle as súas demandas da reforma do vello concello e para saneamentos

Catoira, 25 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou esta mañá a súa primeira visita institucional ao Concello de Catoira para manter unha reunión de traballo co alcalde, Alberto García, e co concelleiro encargado de relacións co executivo galego, Iván Caamaño, e para supervisar as obras de mellora de camiños municipais realizadas cos fondos autonómicos do Plan Marco na parroquia de Dimo.

A representante autonómica comezou a xornada no consistorio cunha xuntanza, na que recibíu o agradecemento do rexedor pola concesión, por parte da Xunta, dun anticipo de 236.000€ que permitirá a remodelación integral do campo de fútbol das Lombas, que xa ten listo os pregos e cuxas obras agárdase que poidan iniciarse no mes de xaneiro.

Neste senso, Luisa Piñeiro interesouse por esta actuación e polos seus prazos e enmarcou a aportación da Xunta no marco do “clima de máxima colaboración e compromiso que temos co Concello de Catoira e coas necesidades dos seus veciños” ao tempo que adiantou que este entendemento institucional proseguirá reforzado na presente lexislatura.

Así mesmo, a delegada territorial tamén recolleu as demandas cursadas por Alberto García e Iván Caamaño, que están centradas na posibilidade de reforma e restauración do vello consistorio co obxectivo de ampliar os seus usos e abrilo para a cidadanía, xa que na actualidade só se emprega a zona de ampliación para aulas de desdobre da escola de música; o remate da rede de saneamento no municipio, xa que aínda faltan algúns lugares sen este servizo pertencentes á parroquia de Dimo; e unha pequena mellora de seguridade viaria na estrada autonómica ao seu paso polo casco urbano.

Luisa Piñeiro, que informou que a actuación no antigo concello podería optar á orde de infraestruturas de equipamentos municipais que impulsa cada ano a Vicepresidencia Primeira, solicitoulles un informe completo, que inclúa tamén outros pequenos proxectos, para comezar coa súa xestión ante o executivo galego.

Imaxes relacionadas