A Xunta financiará a redacción do Plan especial de protección do casco histórico de Baños de Molgas e de Santa Eufemia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Baños de Molgas asinaron hoxe telematicamente dous convenios en virtude do cal o departamento autonómico achegará 50.000 euros con cargo ao Fondo de Cooperación para concellos de menos de 50.000 habitantes

Trátase dunha solicitude que se atende ao abeiro da convocatoria de 2020 dotada cun importe total de 2,2 millóns de euros

Desde a posta en marcha desta iniciativa, en 2017, o Instituto Galego da Vivenda e Solo xa concedeu preto de cinco millóns en préstamos sen xuros para axudar a financiar 18 actuacións de recuperación nunha decena de entidades locais

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará a través de préstamos sen xuros un total de 50.000 euros ao Concello de Baños de Molgas (Ourense) co obxecto de axudarlle a financiar a redacción do Plan Especial de Protección do Casco Histórico de Baños de Molgas e do núcleo rural de Santa Eufemia .

Con este fin, a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Jaime Óscar Iglesias Pérez asinaron hoxe telematicamente dous convenios de colaboración que lle darán acceso ao municipio ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento de apoio aos concellos de menos de 50.000 habitantes para o financiamento de obras de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, o Concello de Baños de Molgas poderá dispoñer de 20.000 euros para redactar o plan do núcleo rural de Santa Eufemia e de 30.000 para o plan especial do Casco Histórico, unha contía que poderá devolver ao IGVS en oito anualidades, de forma cómoda e sen xuros.

Dotación inicial de 10 millóns para o fondo

Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e o obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros.

Grazas aos compromisos asumidos vía convenio durante o período 2017-2019, outorgáronse xa 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.

Ademais, ao abeiro da convocatoria do Fondo de Cooperación realizada este ano –cuxo prazo para a presentación de solicitudes se abriu o 7 de xullo e rematou o pasado 1 de outubro- estanse tramitando peticións por un importe global de 2,2 millóns de euros, incluídas as dúas actuacións comprometidas hoxe co Concello de Baños de Molgas.