Feijóo anuncia a adquisición masiva de 3 millóns de test de antíxenos para cribar en residencias e en calquera outro lugar onde se precise

Salienta que os Orzamentos da Xunta para 2021 contarán con 4.600 millóns para a Sanidade pública, “o presuposto máis ambicioso da historia da comunidade nesta materia”

Resalta tamén que Galicia é a única que está lexislando de forma específica “para xestionar esta e calquera outra pandemia que poida suceder nas vindeiras décadas”, en alusión á reforma da Lei de saúde de Galicia
 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a adquisición masiva de 3 millóns de test de antíxenos, para seguir realizando cribados con maior intensidade e frecuencia nas residencias e en calquera outro lugar onde se precise.

En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, Feijóo garantiu que a Xunta seguirá empregando todos os instrumentos ao seu alcance para loitar contra a pandemia. E aseverou que a sociedade galega, co esforzo dos seus profesionais sanitarios, está respondendo; “ao igual que o está a facer o sistema educativo, o sistema de protección social e a economía galega, que está respondendo mellor que a economía española”, precisou.

Nesta mesma liña, recordou que os Orzamentos da Xunta para 2021 contarán con 4.600 millóns de euros para a Sanidade pública, “o presuposto máis ambicioso da historia da comunidade nesta materia”, sentenciou.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta recordou, tamén, que Galicia é a única comunidade que está lexislando de forma específica “para xestionar esta e calquera outra pandemia que poida suceder nas vindeiras décadas”, en alusión á reforma da Lei de Saúde de Galicia.

“Estamos a falar da única lei en España que vai concretar que unha persoa infectada por coronavirus ten a obriga legal de manterse no seu domicilio durante 10 días. Da única lei emitida dun Parlamento que vai dicir de forma clara que unha persoa, contacto estreito dun positivo, ten a obriga de estar corentenado durante 14 días, no seu domicilio”, explicou, facendo fincapé en que o texto establece garantías, dereitos e obrigas durante unha pandemia.
 

Imaxes relacionadas