Preto de 600 profesionais sanitarios incorpóranse ás listas de contratación temporal de persoal laboral da Xunta

O DOG publica hoxe as listas provisionais de admitidos e excluídos de forma anticipada e separada para responder ás necesidades derivadas da covid-19

As relacións de aspirantes para os postos de médicos, ATS e auxiliar de clínica pódense consultar no portal web corporativo da Xunta

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

Preto de 600 profesionais sanitarios incorpóranse ás listas de contratación temporal de persoal laboral da Xunta. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as listas provisionais de admitidos e excluídos, que se fai de forma anticipada e separada, para ter así unha maior dispoñibilidade de profesionais para facer fronte ás necesidades derivadas da covid-19.

En total, foron 586 as solicitudes de incorporación a estas listas: 23 nas categorías de titulado superior médico e outras (grupo I, categoría 2); 63 para ATS e outras (grupo II, categoría 2); e 500 solicitudes para auxiliar de clínica e outras (grupo IV, categoría 3).

Consulta das listaxes

As listas provisionais poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, no Servizo de Atención e Información á Cidadanía, a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia. Os solicitantes disporán dun prazo de dez días hábiles desde hoxe, data da publicación das listas no DOG, para presentar reclamacións.

O nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios/as e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia está regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. As persoas contratadas prestarán servizos en residencias de maiores, centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, centros para persoas con dependencia ou escolas infantís.

Imaxes relacionadas