A Casa da Cultura de Xinzo de Limia renova a súa cuberta ao abeiro das subvencións para a mellora de equipamentos da Xunta

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe as súas instalacións

Este ano benefícianse destas axudas un total de 39 proxectos noutros tantos concellos de toda Galicia
 

Xinzo de Limia (Ourense), 24 de novembro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou esta tarde a Casa da Cultura de Xinzo de Limia, cuxa cuberta está a ser renovada ao abeiro das subvencións para 2020 destinadas á mellora e equipamento das instalacións e locais de concellos destinados a actividades de carácter cultural da Xunta de Galicia. Este ano benefícianse destas axudas un total de 39 proxectos de mellora en instalacións culturais doutros tantos concellos das catro provincias galegas.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina a estas axudas 500.000€, dos que ao Concello de Xinzo lle corresponderon máis de 23.600 euros para sufragar esta obra Cómpre lembrar que a axuda máxima por entidade local beneficiaria ascende a 30.000€ (35.000€ cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos), e que o importe da subvención non pode exceder o 90% do orzamento total da actuación.

O secretario xeral de Cultura destacou que esta liña de subvencións é fundamental para a dinamización da cultura nas instalacións municipais, o que contribúe a ampliar a oferta dirixida e que os galegos poidan gozar de programación cultural sen saír da súa localidade. Estas axudas reafirman, así mesmo, o apoio do Goberno autonómico ás entidades locais comprometidas coa acción cultural para que poidan executar as súas programacións, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais que promovan, garantindo o servizo público que prestan á cidadanía.

Con estas subvencións as entidades locais poden acometer actuacións relativas ao equipamento e moblaxe de locais, a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións culturais. A percepción destas axudas é, en calquera caso, compatible con outras subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración.

A maiores, visitou o mural do proxecto beneficiario do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, Entroido de Xinzo, un sentimento de Roberto Fernández Otero, situado na avenida de Ourense.