Política Social súmase á nova campaña de Nadal de Fegerec de apoio ás persoas que padecen enfermidades raras

O obxectivo é concienciar á sociedade sobre estas doenzas e recadar fondos para o programa asistencial sociosanitario da federación coa venda en farmacias e comercios de ‘bastóns máxicos’, doces de caramelo sen glute nin lactosa

Santiago de Compostela, 24 de novembro 2020

O director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Fernando González Abeijón, salientou a importancia que ten o traballo da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) para as persoas que padecen estas doenzas. Fíxoo na presentación da nova campaña de nadal, a novena, que pon en marcha esta organización co fin de dar máis visibilidade a estas enfermidades e recadar fondos para o programa asistencial sociosanitario da federación.

Fernando González garantiu a continuidade do apoio da Xunta de Galicia á tarefa que leva a cabo Fegerec. Neste sentido, valorou o acompañamento que a entidade presta ás persoas desde o primeiro momento, cando aínda non hai un diagnóstico para a enfermidade; e, despois, orientándoas e asesorándoas sobre os recursos dispoñibles. Tamén salientou os servizos que desenvolve a federación nos campos do traballo social, intervención psicolóxica, fisioterapia, terapia ocupacional e logopedia, entre outros.

Segundo a Organización Mundial da Saúde existen preto de 7.000 enfermidades raras que afectan ao 7% da poboación mundial. Estímase que en España existen máis de tres millóns de persoas con doenzas pouco frecuentes, 200.000 delas en Galicia.

Por un nadal máxico

A nova campaña de nadal de Fegerec ten como lenda Pode ser máxico grazas a ti e consiste na comercialización dos chamados bastóns máxicos, doce de caramelo sen glute nin lactosa de cor vermello e branco. Colexios profesionais farmacéuticos, centros de Vegalsa Eroski, El Corte Inglés, e empresas e comerciantes apoian esta campaña coa posta á venda destes bastóns durante o período de nadal.
 

Imaxes relacionadas