A Xunta colabora no 14º 'pitching' do Clúster Audiovisual Galego para impulsar novos proxectos de cinema e televisión

O director da Agadic participou na clausura da sesión de presentacións das 18 propostas seleccionadas, que foi seguida en liña polos responsables de contidos de coñecidas canles televisivas, plataformas, produtoras e distribuidoras

O encontro continuará con reunións personalizadas pola organización na procura de concretar acordos para as distintas fases de desenvolvemento, produción, exhibición e distribución dos produtos audiovisuais

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia colabora un ano máis co Clúster Audiovisual Galego na organización do encontro profesional I+P. Ideas para producir, que celebra a súa 14ª edición hoxe e mañá cun formato adaptado para o seu desenvolvemento en liña. Así se presentaron esta mañá os 18 novos proxectos de cinema e televisión seleccionados para o pitching, que foi seguido en directo polos responsables de contidos de destacadas canles de televisión, plataformas produtoras e distribuidoras. Tras el, terán lugar as reunións un a un personalizadas polo Clúster na procura de posibles acordos cara á materialización destas propostas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na clausura desta primeira sesión de presentacións, na que destacou o papel desta iniciativa do Clúster Audiovisual Galego á hora de facilitar as alianzas creativas e empresariais desde a mesma orixe dos proxectos. Na súa intervención, tamén fixo fincapé no gran nivel dos 18 títulos seleccionados este ano, a meirande parte deles presentados por produtoras ou creadores galegos.

Variedade de formatos e xéneros

Un comité profesional foi o encargado de elixir estas propostas de entre as 165 recibidas pola organización, cifra que supón un incremento do 65% respecto a 2019 e bate récords respecto a edicións anteriores. Entre os traballos seleccionados, actualmente en diferentes fases de desenvolvemento, atópanse tanto longametraxes cinematográficas de ficción e documentais (Monstro, de Gaita Films; Lía, de Matriuska Producciones; Yo, Bárbara, de Olga Osorio; A la cara, de Langosta Films; Por una nube, de Belle Films and TV; e El viaje de Lucy, de Somadrome Films) como series de ficción, de animación e outros formatos televisivos (Blink, de Producións A Fonsagrada; En tus manos, de Área 5.1; Los lobos no tienen perdón, de Congo Producciones; Alice’s Diary, de Parrocha Studio; Berros, acordes e cavernas, de EISV-Producciones Vigo; Cortegada 1907, de María Sierra; Rapaces, de One In K Million (OIHM); Colores, de Victora Mauricio; Wikinger 7-13, de Fiction Changing The World; Nunca te olvidaremos, de Héctor Beltrán; Paréntesis, de Alexandre Novo e Marina Badenes, e La bola de cristal, de Big Shiva).

Ao longo desta mañá, os seus creadores e/ou produtores tiveron a oportunidade de expoñer estes proxectos diante dun auditorio virtual integrado polos representantes de destacadas entidades e empresas audiovisuais como RTVE, Movistar+, CRTVG, Atresmedia, AMC Networks, TV3, Grupo Euskatel, Aragon TV, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Treeline Distribution ou Portocabo, entre outras.

Como en anteriores edicións, os proxectos seleccionados gozarán dun ano de inscrición gratuíta no mercado online de Filmarket Hub, que ofrece a plataforma como empresa colaboradora do evento, onde poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtoras e demais empresas audiovisuais de Europa e Latinoamérica.