Conde apunta á transición ecolóxica e a modernización do comercio de proximidade como retos para os novos directores xerais Paula Uría e Manuel Heredia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presidiu a toma de posesión da directora de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e do director xeral de Comercio e Consumo

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe a transición ecolóxica e a modernización do comercio de proximidade galego, avanzando na dixitalización e a internacionalización, como retos para os novos directores xerais que hoxe tomaron posesión: Paula Uría, nova directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, e Manuel Heredia, director xeral de Comercio e Consumo.

Conde agradeceu e recoñeceu o traballo e os anos de servizo público de Ángel Bernardo Tahoces e Sol Vázquez, que ata agora eran os encargados destes departamentos, e sinalou que se trata de áreas estratéxicas e prioritarias nas políticas de reactivación económica.

Paula Uría Traba (Ferrol, 1975) é enxeñeira industrial na especialidade enerxética pola Escola Politécnica Superior de Ferrol e Máster en xestión de enerxías renovables pola Universidad de Cádiz. Funcionaria no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, na escala de enxeñeiros industriais, a súa traxectoria profesional está ligada á Administración autonómica, na que desempeñou diversos cargos tanto no Inega como na anterior Dirección Xeral de Enerxía e Minas da que era, desde 2015, subdirectora xeral de Enerxía.

Manuel Heredia Pérez (Madrid, 1976) está vinculado ao sector do comercio desde hai máis de vinte anos, tanto en establecementos retallistas na cidade da Coruña como no sector téxtil, no ámbito do deseño e no departamento de compras de empresas como Pull and Bear, PVH Arrow e Zara, con responsabilidades nos mercados nacionais e internacionais. Desde hai un ano Heredia Pérez traballaba para a compañía Guess Europe en Suíza, como responsable de produción de prenda exterior e denim para o mercado europeo.

Imaxes relacionadas