A conselleira de Política Social defendeu hoxe no Parlamento de Galicia a Lei de impulso demográfico durante o seu debate á totalidade

Fabiola García tende a man para lograr aprobar por unanimidade a Lei de impulso demográfico

Apunta que entre a súa fase de anteproxecto e a proposta elevada ao Pleno da Cámara cambiou o 44% do articulado do texto

Resalta que se traballou para que “esta fose unha lei de pais coa que todas as galegas e galegos puidesen sentirse identificados”

Consolidará e blindará os avances acadados na comunidade nos últimos anos, grazas a iniciativas como a Tarxeta Benvida, as casas niño, a extensión da rede de prazas públicas en escolas infantís ou a gratuidade total na educación infantil para os segundos fillos e seguintes
 

Santiago de Compostela, 24 de novembro 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento galego o carácter “dialogado, plural e aberto ao consenso” do Proxecto da lei de impulso demográfico de Galicia e tendeu a man para lograr a súa aprobación por unanimidade. Fíxoo no debate sobre as emendas á totalidade presentadas polos grupos da oposición. Deste xeito, o primeiro texto legal de España que eleva a cuestión demográfica a rango de lei continúa a súa tramitación parlamentaria.

Fabiola García explicou que o obxectivo de acadar o máximo consenso en torno á Lei de impulso demográfico estivo presente desde o principio da súa xestación, e que por iso entre a súa fase de anteproxecto e a proposta elevada ao Pleno do Parlamento cambiou o 44% do seu articulado.

En primeiro lugar, o texto legal baseouse na análise previa e nas liñas mestras que aprobou por unanimidade o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, no que están representados os grupos políticos, os axentes sociais, as Universidades e expertos en demografía.

Aceptadas o 80% das alegacións

En segundo lugar, tivéronse en consideración o 80% das 336 alegacións recibidas durante o período de exposición pública. En terceiro lugar, o texto volveu ao Observatorio para obter o seu aval e, en cuarto lugar, tralo seu paso polo Consello Económico e Social (CES) incorporáronse o 83% das súas observacións e recomendacións.

Fabiola García destacou que coa a Lei de impulso demográfico consolídanse todos os avances acadados en Galicia ao longo destes anos. Unhas melloras que se concretan en iniciativas concretas como a chegada da Tarxeta Benvida a preto de 60.000 fogares para axudalos na crianza das súas fillas e fillos; a creación das casas niño en municipios do rural para facilitar a conciliación; a extensión da rede pública de escolas infantís e que supuxo que desde 2009 se duplicasen as prazas de 0 a 3 anos, ata situarse hoxe nas 25.000 prazas; ou a aprobación este ano da gratuidade total na educación infantil para os segundos fillos e seguintes.

Ademais de blindar estas melloras, Fabiola García sinalou que esta Lei supón seguir a avanzar cara a unha política demográfica de consenso e de longo prazo, que sexa útil para as videiras décadas.

Investimento anual

O Proxecto de lei consta de 106 artigos e 13 disposicións, e está acompañado dunha memoria económica que cuantifica en preto de 800 millóns de euros o investimento anual para o seu desenvolvemento. O texto aborda a demografía en toda a súa amplitude e complexidade, e fixa os principios reitores que deberán guiar as actuacións da Comunidade Autónoma nesta materia.

Así, a norma ten en conta aspectos como dar facilidades ás familias con fillos ou que queren telos, mellorar as oportunidades de conciliación e a racionalización de horarios, o fomento de oportunidades para a mocidade, a captación de nova poboación e o fomento do retorno dos galegos do exterior, o envellecemento activo e saudable, e o equilibrio territorial e a vertebración de Galicia.
 

Imaxes relacionadas