O Inega contará en 2021 cun 33% máis de orzamento e multiplicará por cinco a partida para impulsar as renovables e a eficiencia enerxética na industria

O vicepresidente económico, Francisco Conde, avogou no X Aniversario do Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) por asentar a recuperación económica nun modelo industrial sustentable e tecnolóxico

Sinala que os fondos europeos de recuperación van supoñer un gran estímulo neste ámbito, apuntando que dos 108 proxectos da candidatura galega, 33 están centrados nas renovables, a mobilidade sustentable e a economía circular

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avogou hoxe durante a súa intervención por videoconferencia na apertura do X Aniversario do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) por asentar a recuperación económica nun modelo industrial sustentable e tecnolóxico.

Para iso, desde a Xunta, a través dos orzamentos para o vindeiro ano, a partida asignada para o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) vai rexistrar unha suba do 33%, ata os 38,6 millóns de euros, o que permitirá multiplicar case por cinco o orzamento destinado á industria galega a través do aforro e a eficiencia enerxética e a incorporación das enerxías renovables, pasando de 3,5 a 16 millóns de euros.

O responsable de Economía, Empresa e Innovación apuntou que a pandemia obriga a acelerar os procesos de transición ecolóxica e dixital, e consolidar unha senda de crecemento económico pero tamén social, aproveitando todo o potencial das enerxías limpas non só para ser máis respectuoso co medio ambiente senón tamén para innovar e para crear emprego cualificado.

Neste ámbito, fixo fincapé en que van supoñer un gran estímulo os fondos europeos de recuperación, sinalando que 33 dos 108 proxectos iniciais que Galicia xa presentou ao Goberno están centrados no eido das enerxías renovables, a mobilidade sustentable e a economía circular.

Entre eles, figura a instalación de ata 1000MW de potencia renovable; un maior aproveitamento dos recursos naturais, cunha planta de fabricación de fibras téxtiles, un centro de tratamento de residuos para obter biogás, ou unha fábrica de fertilizantes naturais; e ademais, explóranse novas fontes de enerxía como o hidróxeno verde, coa construción dunha planta pioneira en Europa.

Conde, que destacou o traballo de Cluergal para favorecer a cooperación entre empresas, promover novos proxectos e fomentar a sustentabilidade enerxética e a competitividade desta industria en Galicia, sinalou que nos últimos anos as renovables multiplicaron a capacidade instalada e apostaron por incorporar a I+D á súa cadea de valor. Lembrou así mesmo o compromiso do Goberno galego por promover un entorno socioeconómico e normativo adecuado para o desenvolvemento da industria enerxética, e unha economía verde e circular, e neste contexto enmárcase a futura Lei de reactivación.

O vicepresidente económico remarcou que a Comunidade conta con todos os requisitos para ser líder en enerxías renovables, e o compromiso do Goberno galego é consolidar este liderado.

Imaxes relacionadas