A Xunta e o concello de Oia crean tres roteiros sinalizados de sendeirismo de case 20 quilómetros polos montes da Valga

Turismo de Galicia cofinancia esta actuación, orzamentada en 45.553€, ao abeiro da orde de mellora de infraestruturas turísticas do presente ano

Luisa Piñeiro supervisa os traballos coa alcaldesa de Oia e destaca o “traballo transversal, constante e crecente” para poñer en valor todas as potencialidades dos concellos galegos
 

Oia, 24 de novembro de 2020.- A Xunta, a través de Turismo de Galicia, e o Concello de Oia acaban de crear tres roteiros de sendeirismo sinalizados, que suman case 20 quilómetros de lonxitude, pola contorna natural dos Montes da Valga. Dita actuación foi executada a través dun convenio entre ambas administracións cun orzamento de 45.553€ e o 65% foi sufragado polo executivo autonómico ao abeiro da orde de axudas para a mellora das infraestruturas turísticas do presente ano.

Tras o remate dos traballos, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, achegouse co xefe territorial de Presidencia, Ramón Pereiro, ata este municipio do sur pontevedrés e supervisou a actuación coa alcaldesa, Cristina Correa. Durante a visita, a representante autonómica valorou moi positivamente a dotación dun novo recurso turístico en Oia e destacou o “traballo transversal, constante e crecente” da Xunta para poñer en valor as potencialidades dos concellos galegos co obxectivo de “aproveitar todas as posibilidades e sinerxias na xeración de riqueza que ten o turismo e sobre todo aquel configurado de xeito seguro, como o que ofrecemos en Galicia, que é un valor engadido nos tempos actuais”.

A actuación pretende complementar a creación, o pasado ano, da Ruta do Mosteiro, que discorre pola zona da costa deste municipio e que tamén foi financiada por Turismo de Galicia. Nesta ocasión, optouse por completar a rede de sendeirismo deste termo actuando nas súas terras altas e creando tres roteiros nos Montes da Valga conectando o curro que estrea as rapas galegas cada primavera e os lugares de Mabia e Acevedo.

Así, configuráronse tres sendeiros denominados Ruta do Curro da Valga, circular con 4,7 quilómetros de lonxitude; Ruta dos Muíños do Calán, de 6,5 quilómetros; e Ruta dos Montes de Loureza, que é o máis longo, con 7,8 quilómetros, e serve de conexión entre os outros dous roteiros. Todos eles discorren por unha contorna de montaña chea de restos prehistóricos, como mámoas ou petróglifos; elementos de valor arquitectónico ou etnográfico, como o Curro da Valga ou os Muíños do Calán; e espazos de gran interese paisaxístico e natural con determinadas zonas de miradoiro.

Os traballos realizados, orientados principalmente á sinalización de sendeiros preexistentes, consistiron na instalación de máis de 200 paneis, postes, placas, frechas de madeira, sinais de estrada e cubrecontedores.
 

Imaxes relacionadas