Luisa Piñeiro realiza unha visita institucional a Rodeiro e coñece o proxecto de solicitude dun Plan de Infraestruturas Rurais para Vistuíde

A delegada territorial recolleu as demandas sociais, de depuración e saneamento, vivenda e novas tecnoloxías nunha reunión co alcalde, Luis López

Xa na compaña do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, comezaron a reprogramar os prazos da parcelaria de Val de Camba polos retrasos xerados pola pandemia e visitaron a parroquia do Az para seguir mellorando as vías

Rodeiro, 23 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou esta mañá a súa primeira visita institucional ao Concello de Rodeiro para coñecer de primeira man as súas necesidades co executivo galego e garantíu o “máximo compromiso e absoluta colaboración” para os vindeiros anos seguindo a liña que permitíu investir 12 millóns de euros, principalmente no medio rural, dende 2017. Ademais, tamén se desprazou ata o lugar de Vistuíde para coñecer in situ as peculiaridades da solicitude de Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) cursada polo goberno local para seguir mellorando as condicións varias das parroquias.

A xornada comezou cunha xuntanza co alcalde, Luis López, e con membros do goberno local, na que a representante autonómica recolleu demandas en materia social, de depuración e saneamento de augas, de vivenda coa posible desafectación doutras oito antigas casas dos mestres e de novas tecnoloxías para coñecer o estado de implantación da fibra óptica e a mellora da cobertura da telefonía móbil.

Posteriormente, e xa coa incorporación do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, celebrouse outro encontro para reprogramar o cronograma e os prazos do proceso de concentración parcelaria de Val de Camba, que se viu afectada por certos retrasos como consecuencia da pandemia.

Este proxecto de agrupación de fincas, que afecta a catro parroquias de intensa actividade agrogandeira con 1.800 hectáreas de superficie e 650 propietarios beneficiarios, está previsto que declare firmes as súas bases no mes de xaneiro e que o proxecto de enquisa estea listo no primeiro trimestre, tamén de 2021, para proceder nese intre ao correspondente período de información pública.

Posteriormente, desprazáronse ata o lugar de Vistuíde, na parroquia do Az, para coñecer o novo proxecto de solicitude de PIR que pretende acometer o Concello en toda a trama interna desta aldea cun investimento de 36.000€. A Xunta xa actuou noutro espazo deste lugar hai uns anos cun proxecto de 48.000€ e recentemente na aldea de Calque, na parroquia de Salto, coa mesma cantidade.

“Loxicamente un Concello como Rodeiro, que é un dos líderes da actividade agrogandeira de toda Galicia, o que precisa son actuacións encamiñadas a desenvolver nas mellores condicións estes traballos e a Xunta sempre atende, ao máximo das súas posibilidades, estas demandas porque é fundamental ter un rural tan forte e produtivo como o que temos nestas Terras de Camba”, explicou Luisa Piñeiro.

Imaxes relacionadas