A Xunta investirá 2,4 millóns de euros no Hospital Comarcal de Valdeorras

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá na súa visita ao hospital valdeorrés a próxima licitación da obra de reforma da área de Cirurxía maior ambulatoria, Farmacia e Hospital de Día cun presuposto de 1,4 millóns de euros

Hoxe tamén publicouse a adxudicación do contrato de obra das consultas externas, cun orzamento superior aos 450.000 euros e que contarán con outros outros 500.000 euros para o seu equipamento

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia vai investir preto de 2,4 millóns de euros no Hospital Comarcal de Valdeorras. Así o anuncio o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na visita que realizou esta mañá ao centro hospitalario.

A meirande parte deste orzamento irá dedicado á reforma de da área de Cirurxía maior ambulatoria, Farmacia e Hospital de Día cun presuposto de 1,4 millóns de euros, e da que se sacará a licitación da obra proximamente. Segundo explicou García Comesaña, nesta reforma vanse realizar actuacións en tres áreas. Por unha banda, está a zona do Hospital de Día, onde haberá cadeiras de brazos separadas para favorecer a privacidade do tratamento, camas lixeiras de fácil transporte, e un control de enfermería aberto que permitirá a vixilancia de todos os postos. Tamén se incluirán dúas consultas e unha sala de espera para Oncoloxía/Paliativos e unha sala independente para a zona de Endoscopias/Dixestivo, con dúas áreas incorporadas: unha adicada á espera de consultas e outra á espera de probas.

A segunda das zonas de reforma é a Unidade de cirurxía maior ambulatoria. Nela vaise ampliar a zona de atención preoperatoria, cunha sala diáfana, máis ampla, coas áreas de camas e de cadeiras de brazos distribuídas de forma que é posible a visión directa de todos eles desde o control de enfermería, pero con posibilidade de peche para manter a privacidade

Na terceira das áreas, a de Farmacia, vaise crear unha zona de recepción-dispensación. unha zona para a almacenaxe de material necesario, localización da neveira de citostáticos e colocación dos EPI do persoal que traballe no interior das cabinas. Tamén haberá espacio para o laboratorio e unha área especifica para a realización do reenvasado.

Ademais desta obra, hoxe publicouse a adxudicación da obra de reforma da zona de consultas externas do Hospital Comarcal de Valdeorras. Ten como obxectivo instalar un novo ascensor-montacamas, dotar un sistema de quenda, mellorar o confort térmico da área de Rehabilitación-espera de Resonancia Magnética e reforma e actualización de consultas externas (instalando unha cortina modular de aire con control intelixente e portas corredizas automáticas). O proxecto contempla actuar sobre unha superficie de 808 m2 cun orzamento de 453.949,40 € e un prazo de execución duns 4 meses.

Segundo subliñou o conselleiro, a estes investimentos hai que engadir outros 500.000 euros para o equipamento destas consultas externas.

Así mesmo o García Comesaña lembrou que recentemente vense de adxudicar o contrato de equipamento da sala de raios-X do Hospital Comarcal de Valdeorras, por un importe de 67.760 euros. Isto posibilitará converter a sala de radioloxía convencional en dixital, o fará posible, entre outras melloras, reducir a exposición á radiación.

Imaxes relacionadas