A Xunta amosa a obra do artesán Frank Buschmann a través dunha exposición en Pontevedra

A mostra individual “Feito de estrelas” poderase visitar ata o 22 de decembro e está dedicada ao ebanista artesán gañador do Premio Artesanía de Galicia 2019 e do Antonio Fraguas 2020, na categoría de Artesanía Tradicional

A iniciativa forma parte da colaboración entre a Fundación Artesanía de Galicia e a Fundación RAC nun proxecto de divulgación que permite asomarse ás propostas máis contemporáneas da artesanía galega

Pontevedra, 23 de novembro de 2020

A vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación – a través da Fundación Artesanía de Galicia – colabora coa Fundación Rosón Arte Contemporáneo (RAC) na exposición Feito de estrelas, unha mostra individual dedicada ao ebanista artesán Frank Buschmann que se poderá visitar ata o 22 de decembro na sede da Fundación RAC (Padre Sarmiento, 41).

A iniciativa enmárcase dentro dun proxecto de colaboración entre ambas as dúas fundacións co que se busca amosar as propostas máis contemporáneas da artesanía galega. Trátase dunha exposición individual na que se presentarán algúns dos deseños de mobiliario máis icónicos de Frank Buschmann, contando cunha peza inédita creada especificamente para a ocasión. Feito de estrelas propón unha aproximación á obra de Frank Buschmann tratando de abrazar non só os seus intereses plásticos senón tamén os conceptuais. A mostra compón unha constelación de recursos, referencias e analoxías que permiten comprender o conxunto xeral do seu traballo, definido polos principios de sustentabilidade desde o propio proceso de produción até o obxecto final.

O percorrido expositivo aproxima o visitante aos valores da súa marca, Woodworks Buschmann Bela, penetrando nunha práctica que dispón a intención de manter vivo o carácter da materia prima abríndose á composición formal desde un poderoso sentido do equilibrio. Tendo na madeira o seu principal aliado, cada obra estreita os seus vínculos coa seguinte para trazar a súa xenealoxía entorno á forma, o elemento, o tempo e o espazo. Introducindo unha interpretación propia da contorna, as súas creacións materialízanse visualmente en deseños mínimos e austeros pero tamén rotundos, onde o material revela a súa identidade compondo un carácter armónico en liña co estilo shaker.

Nogueira, castiñeiro, cerdeira, carballo e piñeiro de oregón son as madeiras empregadas nesta mostra, seleccionadas co obxectivo de acentuar os detalles construtivos e funcionais de cada peza. Ademais de mesas, cadeiras e outros obxectos de mobiliario, que cumpren o seu papel utilitario sen negar o seu carácter de pezas únicas, na exposición poderá verse a peza Monas, unha prensa de flores sutil e delicada, de gran potencia estética, coa cal o artista recibiu o Premio Artesanía de Galicia 2019. Aquí destílase a esencia da tradición en conexión coa memoria da contorna, un traballo de produción sustentable que incide no emprego de recursos propios para situarse en relación ao seu contexto.

Ademais de co Premio Artesanía de Galicia 2019, Frank Buschmann foi recoñecido co XIII Premio Antonio Fraguas de Artesanía (2020), na categoría de Artesanía Tradicional cunha cadeira elaborada en madeira de castiñeiro galego. O ebanista sitúase nese atractivo espazo da miscelánea creando unha obra utilitaria pero xenuína cuxa principal fortaleza é a aposta por un modelo de produción sustentable e artesanal. Tras formarse como ebanista e deseñador industrial entre Alemaña e Holanda, Frank Buschmann vai definindo unha actitude experimental que lle levou a desenvolver proxectos de creación e mediación cultural en varias localidades europeas para retornar de novo á ebanistería, esta vez desde o seu estudo situado en Corcubión.

Así, baixo a firma Woodworks Buschmann Bela recolle un universo experimental repleto de alusións culturais capaz de engadir ao oficio da ebanistería un carácter poético e atemporal que sinala con rotundidade o seu lugar no universo artístico contemporáneo. No seu traballo crúzanse a manufactura, a historia e os modos de facer tradicionais cunha potente atracción pola natureza e a necesidade de defender os valores de economía sustentable e respectuosa co medio ambiente.

A mostra poderase visitar na sede da Fundación RAC Rosón Arte Contemporáneo (Padre Sarmiento, 41) en Pontevedra, en horario de mércores a venres de 16.30 a 20.00 horas, con posibilidade de facer unha visita guiada, previa inscrición no mail info@fundacionrac.org.

Imaxes relacionadas