A Comisión de Recursos Naturais acordou celebrar en Santiago unha reunión do Comité Europeo das Rexións en maio, coincidindo co Xacobeo 2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da comisión, na que se abordou o novo enfoque do Plan de Acción Atlántico co fin de contribuír a alcanzar os obxectivos previstos no Pacto Verde e de fortalecer os esforzos de recuperación dos países participantes, entre eles España

Bruxelas, 23 de novembro de 2020

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe na quinta reunión do ano da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), na que se acordou a celebración dunha reunión do Comité Europeo das Rexións en Santiago de Compostela, en maio do 2021, coincidindo coa celebración do ano Xacobeo.

Durante este encontro virtual, presentáronse tamén para o seu debate e aprobación un proxecto de ditame sobre agroecoloxía e dous documentos de traballo destinados a fomentar o intercambio de opinións, por unha banda, sobre o novo enfoque da estratexia marítima atlántica e, doutra banda, sobre as experiencias e leccións aprendidas polas rexións e cidades durante a crise da covid-19.

O documento de traballo a debate “Un novo enfoque para a Estratexia Marítima Atlántica. Plan de Acción Atlántico 2.0”, serviu para que NAT puidera traballar nunha resposta conxunta á consulta da Comisión Europea ao CdR sobre a nova versión do Plan de Acción Atlántico (PAA), que ten como finalidade impulsar a estratexia marítima atlántica, dar cumprimento aos obxectivos do Pacto Verde Europeo e fortalecer a recuperación dos países participantes, entre eles España.

Para iso, formuláronse varias preguntas aos integrantes de NAT, especialmente, sobre os obxectivos expostos nos seus catro alicerces, sobre o reforzo da cooperación transfronteiriza e sobre a idoneidade da posta en marcha dunha estratexia a nivel macrorrexional da conca atlántica. Unhas cuestións que contaron cunha resposta favorable de Galicia, que contribuíu ao debate achegando novos aspectos a ter en conta, como a introdución dun novo obxectivo dentro do pilar 3 do PAA (enerxías renovables mariñas) que asegure a compatibilidade da produción de enerxía renovable mariña coas actividades preexistentes (pesca, marisqueo, acuicultura). Tras o intercambio de opinións, tivo lugar un debate sobre este tema no que participou o comisario de Medio Ambiente Océanos e Pesca, Virjinijus Sinkevicius.

En canto ao documento de traballo “Experiencias e leccións extraídas polas rexións e cidades durante a crise da covid-19”, os integrantes de NAT fixeron balance das experiencias das cidades e rexións, como organismos cun nivel de gobernanza máis próximo á cidadanía europea, co fin de establecer unha resposta máis eficiente, baseada na mellora da lexislación a escala nacional e comunitaria e en consonancia co principio de subsidariedade activa.

Sobre o ditame “Agroecoloxía”, Galicia presentou catro emendas co obxectivo de, entre outros aspectos, poñer en valor a práctica da gandería ecolóxica e os seus beneficios para o medio ambiente, como o mantemento dos pastos ou a limpeza da masa forestal. A votación deste ditame está prevista para o vindeiro mércores, 25 de novembro.
Ao peche desta xornada, a comisión NAT puido debater, ademais, sobre o futuro da Política Agrícola Común (PAC) co director da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea.

Galicia na Comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo o pasado mes de febreiro, Galicia participa nas comisións de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeos en campos como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.