Ethel Vázquez salienta que os Orzamentos da Xunta destinan máis de 73 millóns de euros a un transporte público máis útil e social que levará os beneficios do metropolitano a toda Galicia

Os estudantes que vaian aos campus universitarios da Coruña e Ferrol desde concellos adheridos ao Plan de Transporte Metropolitano beneficiaranse de descontos adicionais nos billetes

O convenio dálle continuidade ao asinado no ano 2014 e eleva os descontos, que serán de entre o 35 e o 50% de rebaixa sobre o prezo do billete xa bonificado polo Plan de Transporte Metropolitano

Un estudante de Cambre que vai ao campus de Elviña pagaría 2,75 euros sen abonos, coa tarxeta TMG aboaría 88 céntimos e tan só 44 coa bonificación da universidade

A Coruña, 23 de novembro de 2020

Os Orzamentos da Xunta para 2021 destinan máis de 73 millóns de euros a garantir un transporte público máis útil e social que levará os beneficios do metropolitano a toda Galicia.

Así o adiantou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asinou un convenio en materia de transporte público co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.

O acordo dálle continuidade á colaboración iniciada en 2014 no marco do Transporte Metropolitano, que permite aplicar descontos adicionais aos estudantes que van aos campus da Coruña e Ferrol procedentes dos concellos da área que estean adheridos ao Plan.

Vázquez Mourelle explicou que a Xunta puxo en marcha unha reorganización integral das liñas de autobús interurbano da comunidade que, entre outras cuestións, ten como obxectivo mellorar o acceso aos campus universitarios.

Avanzou que o vindeiro mes de decembro culminará esa reordenación, poñendo en servizo a maioría das liñas que afectan á Universidade da Coruña.

Puxo en valor a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos poden viaxar de balde en transporte público. Concretou que todos os demais estudantes se poden beneficiar deste convenio hoxe asinado.

O convenio reforza as bonificacións do transporte metropolitano e eleva os descontos con respecto ao asinado en 2014, pois agora serán de entre o 35 e o 50% de rebaixa sobre o prezo do billete xa bonificado polo Plan de Transporte Metropolitano.

A conselleira puxo como exemplo a un estudante de Cambre que acuda a diario ao campus de Elviña. Sinalou que sen ningún abono de transporte pagaría 2,75 euros (1,55 metropolitano + 1,20 urbano), pero coa tarxeta TMG paga 0,88 euros por todo o traxecto, e coa nova bonificación dada pola universidade, achegaría só 0,44 euros.

Salientou que estes incentivos posibilitan que ao longo dos 9 meses do curso, este estudante aforraría grazas á TMG uns 600 euros, que se converterían en 740 no caso de beneficiarse da bonificación outorgada pola Universidade da Coruña.

Ethel Vázquez fixo fincapé no Plan de Transporte Metropolitano, pois é un auténtico plan social coa que a Xunta, os concellos e outras entidades, como a UDC, contribúen a facilitar os desprazamentos dos galegos dunha forma alternativa ao vehículo particular.

Precisou que o Transporte Metropolitano permite bonificar cada ano preto de 16 millóns de viaxes, unha cifra que ilustra un éxito nas áreas urbanas de Galicia que, a partir do vindeiro ano, se estenderá ao conxunto de Galicia.
 

Imaxes relacionadas