Feijóo resalta que a Xunta contará en 2021 con máis de 125 millóns de euros para loitar contra a exclusión social, a maior cifra da historia da autonomía

Destaca a blindaxe do orzamento da Risga, con 64,4 millóns, a pesar da entrada en vigor do ingreso mínimo vital; e o incremento do 35% do orzamento das axudas de inclusión social

Apela á colaboración entre as entidades sociais e as administracións como unha fórmula eficaz para chegar a todos os recunchos e estar ao carón de todo aquel que o necesite
 

Pontevedra, 23 de novembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe que a Xunta contará en 2021 con 125 millóns de euros para loitar contra a exclusión social, a maior cifra da historia da autonomía.

Deste xeito, Feijóo destacou a blindaxe do orzamento da Risga, con 64,4 millóns, a pesar da entrada en vigor do ingreso mínimo vital; e o incremento do 35% do orzamento das axudas de inclusión social para axudar aos fogares necesitados que teñen que afrontar gastos urxentes.

Durante unha visita ás obras de Cáritas Interparroquial, en Pontevedra, Feijóo aseverou que ante unha pandemia que tensa as costuras da rede de protección social, Galicia responde facéndoas aínda máis fortes. Así, recordou a posta en marcha durante a pandemia da Tarxeta Básica que xa achegou a 11.000 familias unha axuda de entre 150 e 300 euros ao mes para gastos de primeira necesidade; e referiuse, tamén, a o plan pioneiro de atención ás persoas sen fogar, dotado con 73 millóns de euros.

“E con máis fondos que nunca, 18 millóns de euros, a disposición das entidades dedicadas á inclusión social, como Cáritas”, engadiu, precisando que con esta partida se está a financiar, entre outras actuacións, parte do novo albergue desta organización en Pontevedra.

Esta obra, á que a Xunta aporta 300.000 euros con cargo á orde de axuda a entidades e que substituirá ao albergue de Cáritas en Monteporreiro, conta con 26 prazas, comedor, sala de estar e cun pequeno banco de alimentos, ademais da ampliación a todo o día dos servizos de calor e café.

O presidente da Xunta aproveitou o acto para agradecer o labor de Cáritas, a súa solidariedade e o seu apoio aos que máis o necesitan. E apelou á colaboración entre as entidades sociais e as administracións como unha fórmula eficaz para chegar a todos os recunchos e estar ao carón de todo aquel que o necesite.
 

Imaxes relacionadas