Conde pídelle ao Goberno intensificar as axudas do Plan Nacional da Automoción e modificar os tramos do imposto de matriculación

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación participou na Mesa da Automoción convocada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo

Fai fincapé en que o sector ten sobre a mesa retos moi urxentes aos que hai que dar unha resposta conxunta desde o Goberno, as comunidades autónomas e toda a cadea de valor da industria

Sinala que o obxectivo está en impulsar o proceso de transición cara a un novo modelo de mobilidade sustentable, conectada e intelixente, aproveitando a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation

Vigo, 23 de novembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe de xeito telemático na Mesa da Automoción convocada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, na que lembrou que é responsabilidade do Goberno fixar un clima favorable para o sector da automoción, intensificando as axudas que contempla o Plan nacional de impulso ao sector, destinadas tanto a incentivar a demanda como a impulsar a competitividade; e modificando os tramos fiscais do imposto de matriculación para adecualo ao novo sistema de medición de emisións.

Conde, que lamentou que esta Mesa non está dando resposta ás expectativas do sector nin confianza ao consumidor, pediu que o Goberno concrete se se confirma a retirada dos Presupostos Xerais do Estado da suba do diésel aos consumidores en 3,8 céntimos, ao tempo que avogou por definir unha estratexia europea para o sector que o sitúe nun lugar preferente para optar ás axudas que quere impulsar Europa.

O vicepresidente económico, que sinalou que o sector ten sobre a mesa retos moi urxentes aos que hai que dar unha resposta conxunta desde o Goberno, as comunidades autónomas e toda a cadea de valor da industria, sinalou que o obxectivo está en impulsar o proceso de transición cara a un novo modelo de mobilidade sustentable, conectada e intelixente.

Neste sentido, agradeceu ao Goberno que se teña sumado á aposta que se fai desde Galicia pola I+D+i na automoción a través de proxectos tractores colaborativos, onde o público e o privado suman esforzos para adaptarse ás prioridades e retos que marca Europa. Ao respecto, insistiu na necesidade dunha maior transparencia para coñecer os criterios do Goberno á hora de establecer os consorcios público-privados que impulsarán os proxectos tractores para que Galicia poida incorporalos á súa proposta. Así, lembrou que a Comunidade traballa para aproveitar a oportunidade que os fondos Next Generation supoñen para a competitividade e a transformación desta industria, e apuntou que Galicia e a súa automoción xa deron un paso á fronte e xa contan cun proxecto sectorial co que optar aos fondos comunitarios.

Así, o proxecto AutoAncara conta entre os seus socios co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), o clúster Ceaga e o Grupo PSA. A iniciativa, que prevé mobilizar 1.300 millóns de euros e crear 900 novos empregos no horizonte do 2023, está baseada na innovación e persegue impulsar a fábrica intelixente, dixital e sustentable; optimizar os fluxos loxísticos, contar con persoal altamente cualificado a través da formación e avanzar no vehículo do futuro e en novas tecnoloxías de propulsión limpa (hidróxeno verde).

Imaxes relacionadas