A Xunta convoca unha nova edición do curso en liña sobre turismo sostible e financiamento na UE ante a alta demanda

Xa está aberto o prazo de inscrición para esta acción formativa, que comezará o 30 de novembro

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2020

A Fundación Galicia Europa vén de abrir o prazo de inscrición para unha nova edición do curso de formación en liña “A Unión Europea e o turismo sostible (empresas turísticas e liñas de financiamento europeas)”, ante a alta demanda rexistrada na primeira convocatoria.

A iniciativa terá lugar entre o 30 de novembro e o 4 de decembro. O obxectivo é estimular a competitividade e emprendemento do sector turístico a través da formación en novas técnicas e competencias, así como na adaptación ás novas tecnoloxías.

Deste xeito, búscase mellorar, potenciar e impulsar a viabilidade dos proxectos e ideas, mediante a realización de actividades de seguimento e asesoramento indivualizado, formación personalizada e coaching persoal, tanto durante o curso como posteriormente. Os asistentes tamén recibirán información sobre a normativa comunitaria e as liñas de financiamento da UE dirixidas a apoiar as novas competencias do sector.

Esta actividade vai dirixida á todas aquelas persoas interesadas na adquisición de competencias relacionadas co turismo sostible. O curso ten un aforo limitado a 50 prazas, priorizándose unicamente a orde de inscrición. A información pode consultarse na Fundación Galicia Europa.

Imaxes relacionadas