A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á fase final da especialidade que tivo lugar no mercado de abastos compostelán

Política Social recoñece o talento na cociña de mozas e mozos galegos a través do programa Xuventude Crea 2020

O primeiro premio foi para Shewit Pérez Izaguirre Martínez, o segundo para Andrea Maseda Prado e Miguel Morán, e o terceiro para Javier Lojo

Na edición deste ano presentáronse unha ducia de pratos, dos cales seleccionáronse como finalistas seis

Santiago de Compostela, 21 de novembro 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá á fase final do programa Xuventude Crea 2020 na especialidade de Cociña, que tivo como escenario o mercado de abastos compostelán. Nesta edición presentáronse un total de 12 pratos —o que supuxo triplicar a participación do ano pasado— e dos cales seleccionáronse como finalistas un total de seis pratos, cinco de candidaturas individuais e unha de parella.

O primeiro premio foi para Shewitz Pérez Izaguirre Martínez co prato Brisa Mariña, Andrea Maseda Prado e Miguel Morán conseguiron o segundo premio coa Crema de ortiga e grelo, aire de rustido e crocante de filloa de Muimenta, mentres que o terceiro foi para Javier Lojo co prato Canelón e vieiras e maniñas de porco celta con bechamel de queixo de tetilla e trompetas dos mortos.

Catorce especialidades

O programa Xuventude Crea vai dirixido a mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30. Ademais de Cociña, inclúe outras trece categorías: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda, deseño de xoias, creación de videoxogos, danza moderna, fotografía e artes plásticas —esta última comprende as modalidades de pintura e escultura—.

Os premios para cada especialidade son de 3000 euros o primeiro premio, 1500 euros o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

A edición deste ano do Xuventude Crea acadou un récord de participación, con preto de 500 mozas e mozos que presentaron as súas candidaturas, fronte as 382 do ano anterior.

Imaxes relacionadas