O Servizo Galego de Saúde presenta a maior oferta de prazas de formación sanitaria especializada con 491

Feijóo salienta que é un 7,4% máis que no ano 2019

Explica que o 100% destas prazas se financiará con cargo aos seus orzamentos da Xunta con preto de 60 millóns de euros

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Servizo Galego de Saúde presentará a maior oferta de prazas de formación sanitaria especializada, con 491, un 7,4% máis que no ano 2019.

Así, na convocatoria de 2020 ofértanse: o 100% das prazas acreditadas de formación de médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, cun incremento de 13 prazas sobre a oferta inicial pasada, ata alcanzar as 142.

E tamén se ofertan o 100% das prazas acreditadas nas especialidades de Pediatría e nas relacionadas coa atención a pacientes covid-19, tales como Medicina Interna, Microbioloxía, Medicina Intensiva e Anestesioloxía e Reanimación.

A esta convocatoria incorpóranse ademais prazas de recente acreditación en: Inmunoloxía, Microbioloxía e Parasitoloxía, Reumatoloxía, Cirurxía Torácica, e Oncoloxía Médica.

O Servizo Galego de Saúde financiará o 100% destas prazas con cargo os seus orzamentos, ás que destinará, en 2021, preto de 60 millóns de euros.

Imaxes relacionadas