A Xunta considera insuficiente a Estratexia nacional fronte ao reto demográfico que propón o Goberno central por carecer de concreción e mecanismos de financiamento

Solicita que se definan as medidas específicas, o custe efectivo dos servizos e as áreas de risco demográfico

Santiago de Compostela, 20 de novembro 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, amosou a súa desconformidade coa Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico presentada esta mañá ás Comunidade Autónomas na Conferencia Sectorial para o Reto Demográfico. Durante a reunión, a titular do departamento autonómico sinalou que este documento carece de concreción en aspectos fundamentais como poden ser os mecanismos de financiamento.

Fabiola García sinalou que logo de tres anos e medio de traballo, este documento é moi agardado polo conxunto da sociedade, e por iso cualificou esta proposta como decepcionante. A conselleira solicitou que se definan, entre outras cuestións, as medidas específicas, o custe efectivo dos servizos e as áreas de risco demográfico.

Así mesmo, tamén lle pediu ao Goberno central que actúe coa mesma responsabilidade coa que está actuando Galicia durante os últimos anos. Mostra diso, sinalou, é a primeira Lei de Impulso Demográfico de España, que se debaterá no Parlamento galego a semana que vén e que contará cun orzamento concreto de máis de 730 millóns de euros anuais.
 

Imaxes relacionadas