Aberto o prazo de inscrición para os programas de transformación dixital e finanzas, no marco do Plan de formación da Xunta para reactivar o sector turístico

O Plan de Formación inclúe sete programas formativos de balde para profesionais e empresas do sector turístico e estenderase ata xaneiro do vindeiro ano

A formación en transformación dixital e finanzas sitúanse como ferramentas clave para os empresarios trala covid-19
 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

O Plan de Formación para a reactivación trala covid-19 impulsado pola Xunta está o facilitarlle ás empresas do sector turístico ferramentas que lle permitan mellorar a súa xestión, entre as que se identificaron as tecnolóxicas, financeiras ou de comunicación entre outras. Neste contexto vén de abrir o prazo de inscrición de dous dos programas que conforman o conforman: o Plan de Transformación dixital e o Curso de Finanzas, que se desenvolverán nas vindeiras semanas de xeito online.

A primeira formación do Plan de Transformación Dixital terá lugar o vindeiro martes 24 de novembro ás 12,30 horas cun Webinar de inmersión á transformación dixital e desenvolvemento de negocio dirixido a profesionais que teñan como obxectivo reducir o time-to-market e incorporar novas metodoloxías, estratexias e ferramentas de alto retorno na organización para responder a momentos difíciles. Están programados 3 webinars máis para o mes de novembro, o 25, 27 e 30 de novembro. Continuará o programa con máis formacións durante o mes de decembro e xaneiro.

Ademais deste Plan de Transformación dixital, Turismo de Galicia oferta un Curso de Finanzas, de 40 horas que dará comezo o 30 de novembro e se desenvolverá ao longo de 4 semanas, con titorías online personalizadas traballando catro grandes bloques das finanzas: fundamentos de finanzas, cálculo financeiro, decisións de investimento na empresa e decisións de financiamento na empresa. Os interesados poderán inscribirse de balde ate o 25 de novembro na web de https://www.turismo.gal/formacion.

Sete programas

O Plan de Formación conta cun total de 7 programas, que se desenvolverán de xeito gratuíto entre os meses de novembro e xaneiro: Programa de Idiomas, Programa de Finanzas, Programa de Reconversión e adaptación das empresas turísticas, Programa de Transformación dixital, Programa Anfitriones, Programa de actualidade e Aula Aberta.

A través destes programas búscase mellorar as capacidades dos traballadores do sector ao tempo que se lle oferta aos empresarios turísticos dotalos de ferramentas que lles permitan revisar e adaptar os seus modelos de negocio para afrontar a nova realidade turística xurdida trala chegada da covid-19.

Cómpre lembrar, por último, que os profesionais do sector tamén teñen a súa disposición ferramentas dixitais para incrementar a confianza do viaxeiro e a seguridade sanitaria como a PassCovid, que poden descargarse para integrarse na rede de “establecementos con sentidiño”.
 

Imaxes relacionadas