A Xunta adxudica a explotación da nova estación de autobuses da intermodal de Ourense para os vindeiros cinco anos, por un valor estimado de 1,17 millóns de euros

A adxudicataria encargarase da explotación da terminal da Ponte, que se prevé acadará os 400.000 viaxeiros ao ano, un 12% máis que a actual

O contrato inclúe a xestión do servizo da nova terminal, a explotación dos locais, servizos complementarios e das zonas comúns, xunto coa explotación publicitaria

Nestes momentos están en execución as obras de demolición da actual estación de autobuses do Pino, ao tempo que se avanza no remate da construción da nova estación de autobuses integrada na terminal do AVE

Estímase que a nova terminal de autobuses acollerá arredor de 79.000 expedicións ao ano, un incremento dun 21% sobre a actual

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a explotación da nova terminal de autobuses da intermodal de Ourense para os vindeiros 5 anos, por un valor estimado de 1,17 millóns de euros.

O contrato foi adxudicado á Unión Temporal de Empresas Explotación EEAA Ourense, que se encargará dos servizos do novo complexo intermodal da Ponte, unha vez sexa traslada a actividade da actual terminal de autobuses do Pino. A UTE está integrada polas empresas Transportes La Unión, S.A., Mantenimientos y Servicio de Galicia, S,L. e Sociedad de Transportes, S.L.

Nestes momentos están xa en proceso de execución as obras de demolición da actual terminal de autobuses, ao tempo que se avanza no remate da construción da nova estación de autobuses integrada na terminal do AVE.

O contrato de concesión inclúe a xestión do servizo público correspondente á nova terminal de autobuses, a xestión e explotacións dos locais e servizos complementarios, das zonas comúns da terminal e tamén a explotación publicitaria.

Estímase que a nova terminal de autobuses do barrio da Ponte acollerá arredor de 79.000 expedicións ao ano, o que significa un incremento de máis do 21%, e preto de 400.000 viaxeiros, un 12% máis.

A nova terminal de autobuses de Ourense verá mellorada os seus servizos, contando cun sistema que rexistrará todos os datos de actividade que permitirá, por exemplo, informar aos pasaxeiros do tempo estimado de chegada ou saída de cada un dos servizos.

Imaxes relacionadas