A Xunta celebra unha xornada técnica sobre proxectos piloto e grupos operativos de innovación desenvolvidos en Galicia coa participación da Agacal

A acción contou coa intervención de representantes do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que falaron sobre proxectos tecnolóxicos, de pastoreo, de cultivos ecolóxicos ou de cooperación para a innovación

A xornada intégrase no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e información ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

A Consellería do Medio Rural organizou esta mañá unha xornada técnica sobre proxectos piloto e grupos operativos de innovación desenvolvidos en Galicia coa participación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). O director da Agacal, José Luis Cabarcos, participou nesta iniciativa que se levou a cabo en formato telepresencial dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e que estaba dirixida a persoas vinculadas coa agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira ou con expectativa de incorporarse a algún deses sectores, especialmente mozos.

A acción contou coa intervención de ata oito investigadores do CIAM para falar de distintos proxectos. Así, tratouse a tecnoloxía NIRS como ferramenta na xestión da fertilización de cultivos, da identificación de marcadores específicos para garantir a calidade e autenticidade do mel en Galicia, de bases para o cultivo ecolóxico de trigo autóctono ou da redución de custos nos tratamentos silvícolas a partir da revalorización da biomasa forestal residual. Así mesmo, falouse de como o pastoreo con gando pode evitar a matorralización do monte, da optimización do cebo de vacas frisoas dentro da IXP "Vaca e Boi de Galicia" e da cooperación para innovación nos sistemas de produción de leite.

A presentación de resultados e liñas de traballo da Agacal veu acompañada de dúas intervencións sobre a importancia dos AKIS (sistemas de coñecemento e innovación agrícolas) no próximo período de programación e sobre as conclusións do Focus Group para o intercambio de propostas que perseguen o fortalecemento dos AKIS en España.

Nesta liña, cómpre destacar que o lanzamento da Asociación Europea de Innovación para unha agricultura produtiva e sostible en 2012 supuxo un cambio no xeito de emprender accións de transferencia de coñecemento no campo agrícola. O novo modelo pretende evolucionar dende un sistema lineal de transferencia de investigación aos usuarios ata un sistema de cocreación entre os diferentes actores. Así, o coñecemento é cocreado por agricultores, investigadores, consultores, empresas, organizacións, etc., que traballan xuntos para conseguir unha produción agroalimentaria máis sostible, produtiva e rendible.

A acción de hoxe enmárcase no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e información ao agro galego 2020. O principal obxectivo deste Plan é impulsar o desenvolvemento das actividades de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios e á implementación dos coñecementos dos agricultores, gandeiros, silvicultores, representantes da industria agroalimentaria e de persoas que traballan no sector primario ou de primeira transformación

Así, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agropecuario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades. Para iso, abórdanse temáticas relacionadas coa reordenación das producións, o emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e a protección do medio.

Con esta formación promóvese que o sector agropecuario e silvícola utilice dun xeito eficiente os recursos, co fin de que sexan economicamente viables, produtivos e competitivos. Tamén se busca que as granxas sexan respectuosas co medio ambiente e resistentes ao cambio climático, traballando con sistemas de produción que vaian en harmonía cos recursos naturais.