Un cento de docentes de formación para o emprego reciben o diploma da Xunta do programa Aula Dixital

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, entregou hoxe en Santiago de Compostela de xeito virtual as acreditacións do curso de formadores dixitais

O obxectivo desta iniciativa do Goberno galego é axudar a formadores profesionais para o emprego na transformación dixital das súas aulas para adaptar a cualificación ao novo contexto xerado pola crise sanitaria

A Administración autonómica activou a través do Plan de reactivación económica un paquete de formación dixital para mellorar os coñecementos e habilidades de 2000 galegos e galegas

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2020

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, entregou hoxe en Santiago de Compostela de xeito virtual os diplomas acreditativos do curso formadores dixitais, que a Xunta dirixiu a docentes de formación para o emprego co obxectivo de axudarlles na transformación dixital das súas aulas para adaptarse ao novo contexto xerado pola covid-19.

Un total de 100 persoas recibiron o diploma desta iniciativa que se enmarca no proxecto Aula Dixital que a Consellería de Emprego e Igualdade activou, a través do Plan de reactivación económica, para mellorar os coñecementos e habilidades dixitais de 2000 galegos e galegas. Así, puxéronse en marcha programas de formación específicos para autónomos, menores de 30 anos sen emprego, maiores de 45 anos e parados de longa duración, ademais do dirixido a docentes de formación para o emprego.

Durante o confinamento, moito dos cursos e programas de formación para o emprego continuaron a distancia polo que os docentes enfrontáronse ao reto de facilitar aos alumnos e alumnas os medios necesarios para permitir que puideran seguir cualificándose. Así, a directora xeral agradeceu a todos eles o traballo desenvolvido, ao tempo que puxo en valor o traballo que desempeñan que ten como fin último mellorar a empregabilidade dos galegos e galegas.

Lado destacou a importancia deste tipo de cursos para apoiar aos formadores e formadoras na adaptación aos novos tempos e ás novas necesidades.