O presidente da Xunta reuniuse esta mañá co alcalde Pablo Taboada

Feijóo e o alcalde de Palas de Rei avalían os avances do proxecto de ampliación do parque empresarial

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, avaliaron hoxe os avances do proxecto de ampliación do parque empresarial do municipio.

Durante unha xuntanza, Feijóo destacou que desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estase a redactar o proxecto sectorial para desenvolver a ampliación, que contará cunha superficie de máis de 38.000 metros cadrados.

Deste xeito, a finais deste ano está previsto entregar o documento de avaliación ambiental para iniciar a tramitación ambiental; en 2021 levarase a cabo a expropiación de terreos e en 2022 iniciarase a execución das obras. Todo isto cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

En materia educativa, o titular da Xunta destacou o inicio, en outubro, das obras para a mellora da eficiencia enerxética do CEIP de Palas de Rei, cun investimento de máis de 200.000 euros. E, en relación ao Plan Hurbe, salientou o desenvolvemento das obras para a construción das beirrarúas en As Lagas.

Ao longo da reunión, o titular do Executivo galego destacou a colaboración entre ambas administracións, reflectida na entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Administración autonómica; no incremento das horas do Servizo de axuda no fogar extraordinario -1.500 horas extraordinarias ao mes-; e, no ámbito económico, no apoio a 15 empresas da zona para axudar a reactivar a súa actividade.
 

Imaxes relacionadas