O presidente da Xunta reuniuse esta mañá co alcalde Avelino Luís de Francisco

Feijóo destaca o compromiso da Xunta cos proxectos en materia de vivenda e infraestruturas viarias do concello de Cortegada

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe ao alcalde de Cortegada, Avelino Luís de Francisco, o compromiso da Xunta cos proxectos en materia de vivenda e infraestruturas viarias do municipio.

No tocante ao primeiro asunto, Feijóo referiuse á construción de 6 vivendas modulares de promoción pública; un proxecto en execución que, cun investimento de 1 millón de euros, inclúe tamén a urbanización da zona. E destacou as diversas axudas que o municipio pode solicitar para a rehabilitación de 9 vivendas sociais para aluguer, tanto do fondo de cooperación, como do programa de rehabilitación de vivendas de titularidade municipal.

En materia de infraestruturas viarias, resaltou o reforzo do firme da OU-801, cunha achega de máis dun millón de euros para 2021; así como a finalización en outubro deste ano da reparación dos apoios dos estribos na ponte do río Deva.

En materia económica e industrial, Feijóo afirmou que a Xunta seguirá comprometida co tecido empresarial da zona, impulsando o emprego e a formación. E resaltou o investimento, en 2019, de máis de 230.000 euros para a urbanización de vía do parque empresarial de Cortegada; así como a previsión dunha achega para rematar o alumeado do parque.

Por último, e no eido cultural, o titular do Executivo galego referiuse á rehabilitación do edificio Baños de Cortegada para convertelo nun museo interpretativo. Un proxecto que se iniciou en 2019 e que se completou neste ano cunha achega para mobiliario, entre outros aspectos.

Na reunión, o titular do Executivo galego destacou a colaboración entre ambas administracións, coa entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Administración autonómica; e, no ámbito económico, co apoio a unha empresa da zona para axudar a reactivar a súa actividade.

Imaxes relacionadas