O Sergas adxudica a redacción do proxecto de ampliación de Urxencias-PAC do Hospital de Verín

Conta cun orzamento de máis de 130.000 euros e un prazo de execución dende a formalización do contrato de tres meses

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2020

O Sergas publica hoxe a adxudicación da contratación do servizo de redacción do proxecto básico e de execución e da dirección de obra da ampliación de Urxencias-PAC e as actuacións de mellora da eficiencia enerxética do Hospital de Verín.

Este servizo conta cun orzamento de 131.890. euros e contará cun prazo de execución de tres meses: un para a redacción do proxecto básico e outros dous para a aprobación do proxecto básico

A obra de ampliación das Urxencias consiste na construción dun edificio independente do Hospital que estaría situado no lado este da parcela, onde está agora situado o aparcamento, conectado directamente ao hospital a través dun corredor. Está plantexado nunha única planta, cunha superficie útil de 1.229,40 m² e unha superficie construída de 1.372,50 m².

En canto as melloras enerxéticas previstas no hospital verinés, consisten no cambio de enfriadora, instalación de paneis fotovoltaicos, substitución da iluminación por outra máis eficiente e a realización do illamento da cuberta.

Esta actuación forma parte do pulo da Xunta de Galicia no desenvolvemento dos hospitais públicos comarcais, plasmado na modificación da Lei de Saúde que os converteu no centro dun distrito sanitario. Esta aposta firme veuse traducida en importantes obras de mellora, que fixeron medrar a superficie do conxunto destes sete hospitais nun total de 14.000 metros cadrados desde 2009.