Bóveda renovou o sistema de iluminación do pavillón municipal co apoio da Xunta

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto e o delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias comprobaron o resultado das actuacións financiadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

Tamén se mellorou a instalación de calefacción da casa consistorial para lograr unha maior eficiencia enerxética

Bóveda (Lugo), 19 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia colaborou co Concello de Bóveda para reformar o sistema de iluminación do pavillón municipal e a instalación de calefacción da casa do concello, dúas obras que xa están finalizadas.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto e o delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias comprobaron hoxe o resultado das actuacións, financiadas pola Xunta con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.

A intervención no pavillón centrouse na mellora da iluminación da pista e da zona de gradas, substituíndo a antiga instalación por novas luminarias tipo LED de alta eficiencia, o que permitirá reducir o consumo enerxético, aforrará custes económicos e ao mesmo tempo mellorará a calidade da iluminación interior do recinto deportivo.

Por outra banda, as melloras na calefacción da casa consistorial incluíron a renovación da rede de distribución, a colocación dun termostato en cada estancia e un sistema que diferencia a rede da planta alta e a da planta baixa, que ten menos horas de funcionamento; todo co obxectivo de lograr máis eficiencia enerxética.

Ambos responsables autonómicos destacaron a importancia da colaboración entre as administracións para traballar en beneficio da cidadanía e puxeron de relevo os investimentos realizados nos últimos anos no municipio de Bóveda. Así, entre as iniciativas financiadas dentro destas liñas de colaboración figura a dotación de equipamento para zonas verdes e espazos públicos do municipio de Bóveda, a subministración dun vehículo todoterreo para emerxencias, a climatización da casa do concello e a renovación de fiestras do centro sociocultural, así como a adquisición de cubrecolectores, neste caso no marco dun proxecto promovido polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Imaxes relacionadas