O presidente da Xunta reuniuse esta mañá coa alcaldesa Asunción Morgade Rúa

Feijóo aborda coa alcaldesa de Rairiz de Veiga os proxectos prioritarios para o concello

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe coa alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade Rúa, os proxectos prioritarios para o Concello.

Nesta liña, avaliaron o convenio para a humanización das prazas públicas do concello e do núcleo de Saínza; ademais da colaboración para reparar o tellado do centro de saúde. E, no tocante ás concentracións parcelarias, Feijóo destacou o desenvolvemento da reestruturación parcelaria Guillamil-Sabariz, á que a Xunta destinou xa máis de 2 millóns de euros; e sobre o proceso de reestruturación parcelaria relativo ás parroquias de Rairiz, Zapeaus, Candás e Lampaza confirmou que se atopa en fase de preparación do estudo de impacto ambiental.

En relación ás infraestruturas viarias, Feijóo confirmou o reforzo do firme da OU-531, cuxa licitación se levará a cabo no primeiro trimestre de 2021, cunha achega de 1 millón de euros.

Sobre a rede de abastecemento, o presidente da Xunta confirmou á alcaldesa que a Administración autonómica incluirá nos Orzamentos de 2021 unha orde de axudas para obras de abastecemento no rural.

Ao longo da reunión, o titular do Executivo galego destacou tamén o apoio da Xunta ao concello na loita contra a covid. Un apoio reflectido na entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais-.

Imaxes relacionadas