A Xunta executa traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Mesoiro e do Rego de Moitos no concello da Coruña

As tarefas inclúen a limpeza en distintos tramos destes ríos ao seu paso pola parroquia de Elviña

Estes traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento realizadas por Augas de Galicia nas áreas con risco potencial de inundacións

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Mesoiro e do Rego de Moitos, no concello da Coruña.

Estas tarefas estanse a desenvolver en distintos tramos, que coinciden co percorrido destes ríos por distintos lugares da parroquia de Elviña.

As tarefas forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas e madeira morta, así como a roza selectiva, limitada ao ancho da canle, en tramos cubertos por maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.