A Xunta apoia con máis de 250.000 euros a 8 asociacións e federacións de comerciantes da área de Santiago para impulsar a competitividade do sector

A Xunta colaborará con cinco centros comerciais abertos, coa praza de abastos de Padrón e con dúas federacións

Melide (A Coruña), 19 de novembro de 2020

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá un encontro cos representantes da asociación Asetem (Asociación Empresarios Terra de Melide), unha das beneficiadas polas ordes de axudas dirixidas a asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos (CCA) e federacións para a revitalización do comercio de proximidade.

A Xunta vén de conceder apoios por máis de 250.000 euros a 8 asociacións e federacións de comerciantes da área de Santiago para impulsar a competitividade do sector.

Na comarca da Santiago apoiaranse a 5 centros comerciais abertos, concretamente, en Santiago, Arzúa, Melide e Ordes cunhas axudas que superan os 173.000 euros. Estas achegas destínanse a proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros.

Outras das actuacións apoiadas son a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con axudas para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados.

Nas axudas destinadas a prazas de abastos recibiu achegas desta orde a asociación de profesionais da praza de Padrón por un total de máis de 9.800 euros. Ademais de proxectos de fidelización, sinalización, dinamización e competitividade, as prazas de abastos poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos. As axudas poden chegar a un máximo de 9.800 euros.

Como novidade, tanto os centros comerciais abertos como as asociacións de praceiros puideron optar a apoios para a posta en marcha de market places ou outras iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados. Tamén para o desenvolvemento de sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, e a contratación de servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais.

Finalmente, a Consellería de Economía, Empresa e Innovación tamén destina máis de 66.000 euros á Federación de Libreiros de Galicia e a Federación Galega de Xoieiros, Plateiros e Reloxeiros de Santiago. Esta liña está dirixida a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións para o impulso do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial. Neste caso, os apoios poden chegar aos 49.000 euros.

No ámbito provincial a Xunta concedeu en total a centros comerciais abertos, prazas de abastos e federacións de comercio 26 achegas cun investimento total que supera os 715.000 euros.

Imaxes relacionadas