A Xunta apoia 144 proxectos de mellora da competitividade das pemes galegas a través do programa ReAcciona

As axudas aprobadas na segunda convocatoria desta liña van mobilizar 530.000€ achegando repostas ao tecido empresarial sobre como afrontar o novo contexto económico provocado pola covid-19

As pequenas e medianas empresas poden solicitar ata final de ano os servizos de asesoramento especializado en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a profesionalización, a dixitalización e a innovación

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2020

A Xunta vén de aprobar a concesión das axudas da segunda convocatoria para este ano do programa ReAcciona, que permitirán mobilizar 530.000 euros en 144 proxectos para mellorar a competitividade das pemes galegas. Os beneficiarios accederán a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como a reorganización estratéxica e operativa dos seus negocios, a profesionalización, a dixitalización e, como novidade este ano, a innovación.

Entre os proxectos que se veñen de aprobar, destacan os apoios destinados á mellora da xestión financeira e procura de financiamento; a análise do potencial competitivo; o asesoramento para o financiamento da innovación; a preparación de procesos certificables; a optimización da produción e a cadea loxística; o asesoramento para o relanzamento comercial; a construción dun proxecto de futuro e un plan de mellora empresarial; ou o deseño dunha estratexia de márketing de contidos. Por sectores, máis dun 40% dos servizos aprobados desenvolveranse no sector servizos, un 22% no comercio, un 20% na industria, un 12,5% na construción e un 4% na hostalería.

As axudas aprobadas ao abeiro desta segunda convocatoria de 2020 do ReAcciona súmanse ás facilitadas a través da primeira, resolta o pasado mes de agosto, que apoia 263 proxectos. Entre estas dúas convocatorias mobilízanse arredor de 1,8 millóns de euros.

As pequenas e medianas empresas que desexen participar no programa, que busca achegar as respostas que precisa o tecido empresarial no novo contexto da covid-19, poden solicitalo ata o 28 de decembro.

Na iniciativa colaboran a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e conta co cofinanciamento do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Conta nesta edición cun orzamento de 4,2 millóns de euros, e enmárcase no Igape Responde, unha ferramenta que busca reforzar os servizos de acompañamento aos colectivos empresariais máis vulnerables ante a actual situación.

Imaxes relacionadas