Feijóo garante o compromiso da Xunta cos proxectos prioritarios para o concello de Cerdedo-Cotobade no eido sociosanitairo, das infraestruturas e en materia cultural

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso da Xunta cos proxectos prioritarios para o Concello de Cerdedo-Cotobade no eido sociosanitairo, das infraestruturas e en materia cultural.

Durante unha reunión co alcalde do municipio, Jorge Cubela López, Feijóo salientou que, cun investimento de 1,8 millóns de euros, a Xunta está a financiar o 100% da ampliación da residencia de maiores de Cerdedo, coa construción dun edificio anexo ao actual, o que permitirá incrementar o número de prazas públicas, que pasarán de 18 a 48.

En materia de infraestruturas viarias, o presidente a Xunta confirmou que os orzamentos de 2021 incluirán unha achega para a mellora das estradas PO-230, PO-234 e PO-235, nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e A Lama; así como para reparacións puntuais na PO-233, ao seu paso por Cerdedo-Cotobade.

No tocante ás infraestruturas de abastecemento e saneamento, ambos abordaron as obras de mellora do saneamento en Tenorio, coa execución dunha rede de colectores para fecais e a instalación dunha EDAR. Cun investimento de máis de 1,8 millóns de euros, estas actuacións iniciáronse en marzo de 2019, coa previsión da recepción inicial das mesmas antes de finalizar o 2020.

En materia de vivenda, Feijóo referiuse á rehabilitación das vivendas dos mestres de Cerdedo. Unha actuación financiada 100% pola Xunta, cunha achega de 1,13 millóns de euros, para o seu posterior destino a vivendas de promoción pública.

No eido cultural, Feijóo referiuse á recuperación dos Baños de San Xusto, unha actuación que estará rematada a finais deste ano, e que é de suma importancia para o patrimonio natural, etnográfico e paisaxístico de Galicia. Non en van, o proxecto contempla a posta en valor das augas mineiro medicinais e da recuperación dun patrimonio cultural industrial como é a central hidroeléctrica abandonada; ademais da recuperación de 3 dos 4 muíños da zona.

Así mesmo, en agosto deste ano asinouse entre a Xunta e o concello un convenio para a rehabilitación do antigo Cine-Baile de Carballedo, co obxectivo de convertelo no Centro cultural e turístico Antonio Fraguas.

Ao longo da reunión, o titular do Executivo galego destacou a colaboración entre ambas administracións, reflectida na entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Administración autonómica; no incremento das horas do Servizo de axuda no fogar extraordinario, que ascenden a un total de 2.004 horas; e, no ámbito económico, no apoio a 3 empresas da zona para axudar a reactivar as súas actividades.
 

Imaxes relacionadas