Sanidade incorpora ao concello de Sanxenxo á listaxe de municipios con medidas restritivas

A localidade salnesiana contará con restricións adicionais desde esta medianoite, formando un grupo perimetral xunto co Grove

O Comité clínico decidiu elevar as restricións en Sanxenxo tras facer un seguimento especial da súa evolución epidemiolóxica durante os últimos días

Vilalba, Sarria, Chantada e A Rúa serán obxecto dunha vixilancia especial por parte do Comité clínico, aínda que polo de agora non contarán con novas restricións

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá en rolda de prensa das medidas acordadas polo comité clínico na derradeira xuntanza mantida polo grupo de expertos que fai seguimento á evolución da covid-19 en Galicia. Así, anunciou que o concello de Sanxenxo incorporarase desde esta medianoite ao grupo de municipios galegos que contan con restricións especiais.

Na compaña do secretario xeral técnico, Alberto Fuentes; do xerente do Sergas, José Flores; e da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o titular da carteira sanitaria galega tamén apuntou que as localidades de Sarria, Vilalba, Chantada e A Rúa contarán cun “seguimento específico” por parte do comité clínico, aínda que polo de agora no se establecerán novas medidas nestes concellos.

García Comesaña subliñou que malia que a contención do virus Sars-CoV-2 en Galicia semella ir a mellor “non se pode baixar a garda” polo que debemos “redobrar os esforzos e seguir traballando” para atallar a expansión do virus. Así, remarcou que para logralo debemos “involucrarnos todos”, cumprindo dun xeito estrito todas as medidas establecidas.

O secretario xeral técnico, Alberto Fuentes, apuntou que Sanxenxo pasará a formar unha agrupación perimetral xunto co concello do Grove. Así, estas medidas serán publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entrarán en vigor a partir das 00:00 horas desta medianoite.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, apelou á “prudencia e a cautela” malia aos bos datos que comezan a desprenderse da evolución epidemiolóxica desde o establecemento da medidas en Galicia. Sobre este particular, destacou que nestes intres, a presión asistencial nas UCIs é un 42’70% menor que durante o pico da primeira onda, e un 49’68% inferior respecto da ocupación de camas convencionais rexistrada durante a pasada primavera.

Ademais, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, achegou os datos referentes á incidencia acumulada dos concellos que se atopan baixo restricións perimetrais, apuntando que a evolución do contaxios na comunidade é “estable e con tendencia á baixa”. Nesta liña, salientou que Galicia é arestora a 3ª e a 4º comunidade autónoma con mellores datos de incidencia acumulada a 14 e 7 días, respectivamente.

Por último, o conselleiro agradeceu o traballo que están a realizar os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado á hora de velar polo cumprimento das medidas sanitarias, destacando, asemade, o grande labor que segue a desenvolver o persoal sanitario de todos os centros galegos.

Imaxes relacionadas