O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe o comedor social da organización Misión del Silencio e a sede de Cáritas na cidade olívica

A Xunta destina catro millóns de euros a financiar servizos e programas dunha trintena de entidades sociais de Vigo

Nos vindeiros dous anos sufragaranse un total de 229 actividades dirixidas a persoas e familias en situación ou risco de exclusión

Este apoio enmárcase na nova orde de axudas a entidades sociais para o período 2020-2022, que conta cun orzamento récord para o conxunto de Galicia de 17,8 millóns de euros

Vigo, 18 de novembro 2020

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe o apoio do Goberno galego ás entidades de Vigo que traballan con familias en situación ou risco de exclusión, ás que se destinarán nos vindeiros dous anos catro millóns de euros para o financiamento de 229 programas. Fíxoo durante unha visita ao comedor social Virgen de Lourdes que atende a entidade Misión del Silencio e á sede de Cáritas Diocesana Tui-Vigo, na que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta de Galicia, Marta Mª Fernández-Tapias Núñez.

Arturo Parrado explicou que estas achegas enmárcanse na nova orde de axudas a entidades para o período 2020-2022, que conta cun orzamento récord para o conxunto de Galicia de 17,8 millóns de euros. Esta contía supón un incremento do 20% con respecto á anterior convocatoria, a do período 2018-2020.

No caso da organización Misión del Silencio, recibirá con cargo a esta liña de axudas 192.000 euros, coa que se garante a continuidade do seu servizo de comedor social. Ademais, estes fondos tamén se empregarán na renovación das instalacións e na adquisición de diverso equipamento, como maquinaria para a cociña ou unha cámara frigorífica.

Pola súa banda, a Cáritas Diocesana de Tui-Vigo concedéuselle unha axuda de 195.000 euros. Con este crédito poderán financiar o funcionamento de varios dos seus servizos, entre eles o de provisión de recursos básicos para persoas sen recursos, así como proxectos de inclusión social.

Centros de inclusión e emerxencia social

O director xeral lembrou que a través desta orde de axudas as entidades poden cubrir gastos de funcionamento dos seus centros de inclusión e emerxencia social, así como actuacións singulares que complementen os servizos sociais básicos. Estas achegas tamén se poden destinar ao financiamento de servizos de formación adaptada; intervencións en zonas de exclusión e apoio á integración sociolaboral; iniciativas de inclusión da poboación inmigrante e investimentos en centros de inclusión e emerxencia social.

Así mesmo, o reforzo desta liña de axudas contribuirá e axudará tamén a paliar as consecuencias que está a ter a pandemia do COVID-19 nos colectivos máis desprotexidos, como son as persoas sen fogar, en risco de exclusión ou inmigrantes.

Imaxes relacionadas