A Xunta sensibiliza contra a violencia machista cun mónologo teatral na Cidade da Cultura coa actriz Estíbaliz Veiga

A compañía galega aAntena produce esta peza que se escenificará o vindeiro martes 24 de novembro no Museo Centro Gaiás

A obra conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade e está enxerida na programación da Xunta co gallo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia ofrecerá na Cidade da Cultura a representación de Golpes, un monólogo teatral contra a violencia machista producida pola compañía galega aAntena e que está interpretado pola actriz Estíbaliz Veiga. A peza escenificarase no Museo Centro Gaiás o vindeiro martes, día 24 de novembro, ás 20 horas con entrada de balde, previa retirada de convite desde hoxe mesmo en ataquilla.com.

Esta actividade conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade e enxírese dentro da ampla programación da Xunta de Galicia vencellada coa celebración do Día contra a Violencia de Xénero que se celebra internacionalmente o 25 de novembro.

Con Golpes, a compañía aAntena tira proveito do talento de Estíbaliz Veiga para pór en escena un relato cru e directo de como unha moza vai cedendo nunha relación de parella desigual ata irse atopando fóra da súa personalidade.

Peza comprometida e de denuncia

Con esta peza teatral, aAntena procura amosar dun xeito directo e fuxindo do tráxico como nas accións máis cotiás nace a desigualdade e chega á violencia machista. Con Golpes preténdese que o espectador e espectadora identifique todos e cada un dos comportamentos ou actitudes machistas propios e alleos e sexa consciente de canto traballo hai por facer aínda para chegar a conseguir un mundo igualitario.

Con esta peza, a compañía ten como obxectivo sementar unha visión dun “mundo mellor posible”, á vez que busca, a través do seu traballo, amosar o seu compromiso de inferir na sociedade cun espectáculo directo onde se amose dun xeito entretido a desigualdade latente, e a dor que causa unha lacra social como é a violencia machista.

Ao rematar a representación do monólogo teatral, abrirase un faladoiro coa actriz para abordar máis polo miúdo coas e cos espectadores o afondado na peza co ánimo de abrir reflexións e tirar conclusións conxuntas.

Imaxes relacionadas