O presidente da Xunta e o conselleiro do Medio Rural participaron esta mañá na presentación da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego

Feijóo anuncia que nos Orzamentos de 2021 a política fiscal da Comunidade consolidará as rebaixas de impostos feitas en todas as lexislaturas

Salienta que 115.000 familias seguirán beneficiándose das rebaixas fiscais consolidadas na comunidade, tanto nos supostos do imposto de herdanzas e de doazóns, como tamén en todos os impostos cero no rural

Avanza a modernización e mellora da rede de oficinas agrarias comarcais: “Queremos sedes áxiles, que dean respostas e asesoramento e que sexan axentes intermediarios entre as administracións públicas e o sector”

O conselleiro de Medio Rural salienta que se regulará o leite de pastoreo como elemento de diferenciación para abordar novos nichos de mercado; e habilitarase unha app para que o gandeiro calcule os seus custos de produción e faga estudos comparativos
 

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que nos Orzamentos de 2021, que se aprobarán o próximo venres, a política fiscal da comunidade consolidará as rebaixas de impostos feitas en todas as lexislaturas.

“A Xunta non vai subir ningún imposto a ningún cidadán”, dixo, precisando que, deste xeito, 115.000 familias seguirán beneficiándose das rebaixas fiscais consolidadas na comunidade, tanto nos supostos do imposto de herdanzas e de doazóns, como tamén en todos os impostos cero no rural. E todo isto, mentres o Goberno central está a tramitar uns Presupostos Xerais do Estado con incrementos impositivos ao diésel, ao IVE e aos seguros do fogar e aos automóbiles.

Durante o acto de presentación da Estratexia de dinamización do sector lácteo, Feijóo aseverou, por outra banda, que esta iniciativa, con 125 accións, ten como obxectivo dar resposta ao sector do futuro, con competitividade e sostibilidade.

“Unha folla de ruta para os vindeiros 5 anos co fin de fomentar unha industria máis innovadora e competitiva, ampliar a súa pegada internacional e potenciar a transformación do noso leite”, abundou, recordando o obxectivo de acadar a transformación do 75% do leite que se produce en Galicia.

Así mesmo, anunciou que a Xunta dará un novo paso para apoiar, acompañar e titorizar o desenvolvemento de proxectos no rural, cun reforzo da estrutura territorial. Deste xeito, nos Orzamentos de 2021 incluirase unha partida para modernizar e mellorar a rede de oficinas agrarias comarcais que, na actualidade, conta con 68 sedes.

“Queremos sedes áxiles, que dean respostas e asesoramento ao sector e que sexan axentes intermediarios entre as administracións públicas e o sector”, dixo, aseverando que para iso unificaranse nas vilas a atención agrícola, veterinaria e forestal nunha única sede da Xunta.

Así mesmo, modernizaranse os sistemas de atención e de tramitación dixital; mellorarase a formación dos traballadores; renovarase o parque móbil; “e crearase unha oficina agraria móbil para chegar ás aldeas máis pequenas de Galicia e poder ofertar estes servizos”, engadiu.

Unha estratexia do lácteo dirixida ao fortalecemento e á mellora da competitividade

Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, debullou o contido da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, poñendo de relevo que é froito dun exhaustivo proceso de acordo e diálogo artellado a través de distintas mesas de traballo e coordinado pola Fundación Juana de Vega. Segundo dixo, englóbase en cinco grandes obxectivos estratéxicos, relativos á produción, á industria e aos mercados, pero tamén á propia cadea de valor do leite e á formación e innovación.

Así, no tocante á produción, a Xunta persegue garantir a continuidade das granxas con viabilidade, creando un Banco de explotacións que acolla as que non teñan relevo e establecendo un programa de preparación para a sucesión. Para apoiar a remuda xeracional, contémplanse incentivos fiscais e outras medidas de apoio financeiro, para as que o conselleiro pediu o apoio do Goberno central. Na súa intervención, José González puxo de relevo a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, que permitirá contar con explotacións con máis base territorial, e a normativa galega que regulará a xestión integral das dexeccións gandeiras. Sinalou, ademais, que se seguirán promovendo procesos de reestruturación parcelaria.

Canto á industria, a finalidade é aumentar a transformación do leite en Galicia apostando pola diversificación de produto. Así, quérese aumentar o peso das D.O.P. de queixo galegas, adaptando os formatos e os envases ás novas demandas de consumo. A maiores, traballarase no asentamento de novos operadores industriais en Galicia. No relativo aos mercados, o conselleiro do Medio Rural sinalou que se avoga por mellorar o posicionamento dos produtos lácteos galegos a nivel nacional e internacional, ampliando -entre outras cuestións- o ámbito xeográfico de promoción da marca Galega 100%. Tamén se regulará o leite de pastoreo como elemento de diferenciación para abordar novos nichos de mercado.

En relación á cadea de valor, reforzarase as relacións entre os distintos axentes implicados, impulsando o asociacionismo profesionalizado dos produtores como empresarios. Nesa liña, fomentarase a entrada das cooperativas no capital de novos investimentos industriais en Galicia para reforzar o seu papel como aglutinadores da oferta do leite dos seus socios e promoverase que esas cooperativas se constitúan como organizacións de produtores profesionalizadas, asumindo un papel relevante na negociación do leite e na prestación de servizos aos seus asociados. No entanto, para mellorar a transparencia, apostarase por reactivar o “acordo lácteo” a nivel estatal e o Observatorio do Sector Lácteo a nivel autonómico, así como por implantar un sistema de estudo de custos de produción do leite en Galicia, habilitando un programa informático para que o gandeiro poida calcular os seus gastos e facer estudos comparativos con respecto ao sector.

Por último, no tocante á formación e innovación, o conselleiro do Medio Rural salientou que se traballará por responder ás necesidades dos gandeiros e industrias, fortalecendo as estruturas de formación, investigación e innovación da nosa comunidade, así como a tecnoloxía a disposición do sector.
 

Imaxes relacionadas