A Xunta avalía coa Representación da Comisión Europea en España os primeiros proxectos presentados por Galicia para optar aos fondos de recuperación

O vicepresidente económico, Francisco Conde, mantivo esta tarde un encontro co director da Representación da Comisión Europea en España, Francisco Fonseca

Nas últimas horas tamén se reuniu co responsable da Unidade de Seguimento do Plan de Recuperación, Reconstrución e Resiliencia do Goberno, Manuel de la Rocha, para solicitar información sobre os requisitos que exixirá España para acceder aos fondos

Ambos os dous encontros enmárcanse no espírito de colaboración da Xunta para traballar de xeito coordinado tanto co Goberno como coa Comisión Europea no deseño máis axeitado das propostas

Madrid, 17 de novembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta tarde co director da Representación da Comisión Europea en España, Francisco Fonseca. O encontro enmárcase na rolda de contactos que a Xunta está a manter con membros tanto da Comisión como do Goberno español co obxectivo de traballar de xeito coordinado para que os proxectos que presenta Galicia aos fondos europeos de recuperación se traduzan nunha candidatura sólida, viable e o máis axustada posible aos requirimentos españois e europeos.

Conde trasladou á Comisión Europea o paquete de proxectos, xa maduros, nos que Galicia leva traballando nos últimos meses a través da colaboración público-privada. Propostas que xa se teñen traducido nun primeiro envío ao Goberno de España de 108 iniciativas que buscan afondar na modernización do tecido empresarial –transformación dixital–; na mobilidade sostible e a transición ecolóxica; na cohesión social e territorial, poñendo no centro ás persoas; e no desenvolvemento dunha administración máis dinámica e dixital.

Neste sentido, trátase dunha proposta nacida do diálogo co tecido produtivo, os expertos económicos e os interlocutores sociais que inclúe proxectos estratéxicos para Galicia pero tamén para o conxunto de España e Europa. É o caso por exemplo do Polo de transición
–que recolle iniciativas como a instalación dunha planta de hidróxeno verde, a fabricación de fibras téxtiles a partir da viscosa, ou o desenvolvemento da economía circular a través dun centro de biogás e dunha fábrica de fertilizantes–; a iniciativa AutoÁncora, que aposta polo vehículo do futuro a través do Grupo PSA en Vigo, da industria de compoñentes (Ceaga) e do coñecemento do centro tecnolóxico galego vinculado ao sector da automoción (CTAG); ou o proxecto do Grupo Zendal vinculado á biotecnoloxía.

Criterios de reparto

Este encontro con Francisco Fonseca serviu á Xunta de Galicia para afondar na coordinación coa Comisión Europea e, así, deseñar da maneira máis axeitada as súas propostas. Un espírito de cooperación que se traslada ao Goberno central, e por iso o vicepresidente económico tamén mantivo nas últimas horas unha reunión co responsable da Unidade de Seguimento do Plan de Recuperación, Reconstrución e Resiliencia do Executivo estatal, Manuel de la Rocha.

Durante esta reunión, a Xunta expuxo tamén os principais proxectos tractores presentados por Galicia, que supoñen unha oportunidade de negocio, de investimento e para orientar a política industrial dos próximos anos. Ademais, avaliáronse tamén con De la Rocha os criterios que o Goberno vai ter en conta á hora de seleccionar os proxectos.

Neste sentido, Conde solicitou que se prime a igualdade de oportunidades entre comunidades autónomas, así como a cohesión social e territorial, fixándose polo tanto criterios claros de reparto nos que se preste especial atención a cuestións como a dispersión da poboación, o reto demográfico, a transición industrial e a dixitalización para reducir as diferenzas existentes nos niveis de renda das rexións.

Conde garantiu, en ambas as dúas reunións, o espírito de colaboración da Xunta coas dúas institucións xa que o obxectivo prioritario é poder aproveitar a oportunidade que ofrecen os fondos europeos para poder desenvolver proxectos de futuro que permitan a transformación económica e social de Galicia. Así, seguirá apostando pola colaboración e polo traballo coordinado e construtivo tanto coa Comisión Europea como co Goberno de España para que Galicia conte coa mellor candidatura posible.