O presidente da Xunta participou telematicamente no Congreso internacional de automoción y movilidad, AutoMob

Feijóo destaca a aposta ambiciosa de Galicia pola automoción cun proxecto global para captar fondos europeos que suporá un investimento de 1.300 millóns e a creación de 900 novos empregos

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta ambiciosa de Galicia pola automoción, cun proxecto global para captar fondos europeos que suporá un investimento de 1.300 millóns de euros e a creación de 900 novos empregos.

Durante a súa participación no Congreso internacional de automoción y movilidad, AutoMob, Feijóo aseverou que as iniciativas que compoñen este proxecto baséanse na innovación, na tecnoloxía, na dixitalización, na sustentabilidade e na formación e no talento. Todas cun único obxectivo: mellorar a competitividade do sector da automoción en España.

O presidente do Executivo galego subliñou a automoción como un dos sectores que van marcar o ritmo no impulso da recuperación económica de Galicia, e recordou as boas novas que nas últimas décadas trouxo á comunidade. Non en van, na actualidade, 1 de cada 6 coches que se fabrican en España prodúcense aquí.

O sector do automóbil en Galicia agrupa a 130 empresas, emprega a máis de 24.000 traballadores, só o ano pasado facturou 9.700 millóns de euros, supón case un terzo das exportacións e o 15,4% do PIB da Comunidade.
 

Imaxes relacionadas