A segunda convocatoria deste ano do programa ReAcciona apoia os plans de mellora competitiva de 10 empresas luguesas

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que as achegas suman preto de 47.000 euros e entre os beneficiarios figura unha asociación

As axudas van dirixidas a impulsar iniciativas que melloren a competitividade dos negocios mediante accións de reorganización, dixitalización ou innovación

A cuarta convocatoria de axudas deste plan para o 2020 ten aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o 28 de decembro

Lugo, 17 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia aprobou axudas por un importe global próximo aos 47.000 euros para nove pemes e unha asociación da provincia de Lugo co fin de apoiar a posta en marcha de 12 proxectos de mellora da competitividade.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, explicou que as achegas corresponden á segunda convocatoria deste ano do programa ReAcciona, cuxa resolución acaba de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG). Hai cinco beneficiarios de Lugo, dous de Ribadeo, un de Burela, un de Foz e outro de Abadín.

Entre os proxectos que se porán en marcha coas axudas aprobadas figuran plans de mellora da xestión financeira; servizos de asesoramento, nun caso para o relanzamento comercial e noutro para o financiamento da innovación; deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores; preparación de procesos certificables; procesos de protección da innovación e deseño dunha estratexia de márketing de contidos, entre outros.

Arias destacou que este ano hai catro convocatorias de axudas do plan ReAcciona, das que xa están resoltas dúas, e lembrou que na primeira delas a Xunta apoiou con 110.100 euros o desenvolvemento de 28 proxectos de 24 pemes lucenses. Neste momento pódense solicitar as axudas da cuarta convocatoria, para o que está aberto o prazo ata o 28 de decembro.

Os beneficiarios accederán a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como a reorganización estratéxica e operativa dos seus negocios, a profesionalización, a dixitalización e, como novidade este ano, a innovación.

Neste programa colaboran a Consellería de Economía, Empresa e Innovación - a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Axencia Galega de Innovación (Gain) - e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e conta co cofinanciamento do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.