O presidente da Xunta participou telematicamente na Asemblea do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia

Feijóo aposta por potenciar o uso da madeira na rehabilitación e na nova construción como elemento fundamental para estimular a transformación da economía e da industria galega

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por potenciar o uso da madeira na rehabilitación e na nova construción, como elemento fundamental para impulsar a transformación da economía e da industria galega.

Durante a súa participación na Asemblea do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, Feijóo lembrou que, con este obxectivo e a través da Axencia Galega de Industria Forestal, a Xunta aprobou no último Consello unha liña de axudas dotada cun investimento de case 1,7 millóns de euros, para favorecer o uso da madeira como elemento estrutural en vivendas e locais comerciais. Unha liña que favorecerá a máis dun cento de beneficiarios: a 89 vivendas e 19 locais.

Logo de subliñar que esta aposta se reflicte tamén no proxecto que Galicia presentará aos fondos europeos, o titular do Executivo galego resaltou a posta en marcha do novo Plan Forestal de Galicia, que marcará as directrices de xestión dos montes galegos durante os vindeiros 20 anos e prevé un investimento de 4.900 millóns de euros ata 2040.

Entre as metas do plan, Feijóo destacou o obxectivo de conseguir 3 millóns de metros cúbicos máis ao ano de corta de madeira, pasando dos 9 actuais a 12, converténdonos así nunha das potencias madeireiras da Unión Europea.

Imaxes relacionadas