O presidente da Xunta visitou hoxe o barrio vigués de San Paio de Navia

Feijóo salienta os avances no proxecto de ampliación do barrio de San Paio de Navia coa comercialización das primeiras parcelas en 2021 e o inicio da construción das 1.600 vivendas públicas

Precisa que, neste momento, a Xunta xa dispón de case 180.000 metros cadrados, dos 265.000 metros que abarca o proxecto para a construción das vivendas protexidas, ademais de zonas verdes, prazas de aparcamento e un carril bici

Reitera o compromiso coa nova ampliación do IFEVI, que contará con investimento nos Orzamentos de 2021 que se aprobarán esta semana

Vigo, 17 de novembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe os avances no proxecto de ampliación do Barrio de San Paio de Navia, coa comercialización das primeiras parcelas en 2021, de maneira que as empresas ou cooperativas que se fagan cos terreos poidan arrancar definitivamente a edificación das 1.600 vivendas públicas.

Durante unha visita ao barrio, Feijóo precisou que, neste momento, o Goberno galego xa dispón de case 180.000 metros cadrados, dos 265.000 metros que abarca o proxecto para a construción das vivendas protexidas, ademais de zonas verdes (23.000 metros cadrados), prazas de aparcamento público (1.200) e 2,2 quilómetros de carril bici. Nesa superficie xa se investiron 20 millóns de euros.

“Polo tanto, quedan por incorporar algo máis de 85.000 metros cadrados pola vía do expediente único de expropiación, que está en redacción e ao que destinaremos 10 millóns de euros”, engadiu, subliñando que, de xeito paralelo, avanzarase no proceso de urbanización dos terreos, para acondicionar e facilitar a instalación de servicios básicos na zona.

“E farémolo en tres fases e cun investimento de case 20 millóns de euros”, dixo, precisando que, preto de 8 millóns dedicaranse á urbanización do coñecido como polígono 1, cuxas obras licitaranse ao longo de 2021, para dar paso a etapa da posta a disposición das parcelas para construír as vivendas.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego lembrou que para efectuar esta ampliación foi precisa unha modificación do plan parcial urbanístico, que estivo case dous anos parada no Concello.

“En definitiva, estamos a falar dun proxecto que mobilizará 250 millóns durante os seguintes anos, desenvolvendo un barrio aínda máis activo, verde e aberto”, dixo, afirmando que este proxecto é un dos moitos compromisos que a Xunta ten con Vigo e que se reflicten, por exemplo, no investimento de 40 millóns de euros para recuperar o antigo Hospital Xeral como Cidade da Xustiza; nos 16 millóns na intermodal, nos 1,5 millóns no novo centro de saúde de Bouzas; ou nos avances na ETEA coa construción dun polideportivo e da residencia de maiores.

Nesta mesma liña, reiterou o compromiso coa nova ampliación do IFEVI, recordando que hoxe terá lugar a Comisión Superior de Urbanismo para finalizar a tramitación urbanística do proxecto. Unha ampliación que contará con investimento nos Orzamentos de 2021 que se aprobarán esta semana.

Imaxes relacionadas