Feijóo avalía co alcalde de Portomarín os avances nos proxectos prioritarios para o concello no eido sociosanitario, das infraestruturas viarias e do abastecemento

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avaliou co alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, os avances nos proxectos prioritarios para o concello tanto nos ámbitos sociosanitario, como en materia de infraestruturas viarias e de abastecemento.

Con respecto á situación da covid, Feijóo destacou a colaboración entre ambas administracións, reflectida na entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Administración autonómica; no incremento en 500 horas do Servizo de axuda no fogar extraordinario; e, no ámbito económico, no apoio a 4 empresas portomarinenses para axudar a reactivar as súas actividades.

No eido socionatario, o titular da Xunta recordou que, desde o pasado ano, os veciños contan co centro de saúde reformado, púxose en marcha a Casa do Maior e, a través da iniciativa Autobús coidados porta a porta, achéganse ao concello servizos asistenciais de proximidade, entre os que se inclúe a revisión e gradación da vista e servizos de podoloxía.

En materia de infraestruturas e mobilidade, destacan o remate neste 2020, entre outras: do novo trazado camiño Francés-Ponte Portomarín, da rehabilitación da beirarrúa e varanda de protección na estrada LU-633 Pedrafita-Alto Hospital; das melloras na Ponte Portomarín; da mellora e reforzo dos firmes das estradas autonómicas.

Sobre as infraestruturas hidráulicas, o responsable do Goberno galego recordou que a redacción do proxecto para resolver os problemas de saneamento da EDAR de Portomarín xa está finalizada e está a espera dos informes sectoriais.

Por último, e no eido cultural, cómpre salientar as obras de reparación e conservación da Igrexa de San Xoán, que rematarán neste mes de decembro.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta