A Xunta licita por máis de 1 millón de euros a execución do novo acceso de Dozón á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 14 de decembro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto o levantamento de actas previas para o mes de xaneiro e executar as obras no 2021

A nova vía terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelo á autovía pola súa marxe dereita
 

Dozón, 16 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita as obras de construción do acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde Dozón, por un importe de 1.083.330 euros, segundo anunciou esta mañá a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, nunha visita ao lugar desta conexión xunto ao alcalde castreño, Adolfo Campos.

A Plataforma de contratos públicos de Galicia recolle hoxe que as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 14 de decembro. As obras contarán cun prazo de execución de seis meses. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto o levantamento de actas previas para o mes de xaneiro e executar as obras no ano 2021.
Trátase de executar o ramal de conexión entre a autovía autonómica e a de titularidade estatal N-525, en Dozón, e permitir así o movemento de incorporación en sentido Ourense. O enlace comeza na contorna do punto quilométrico 275 da estrada nacional, onde se proxecta unha ampliación do carril de vehículos lentos existente e cruza a AG-53, a través do paso inferior do punto quilométrico 59+410 da autovía, para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa autovía autonómica pola súa marxe dereita en sentido Ourense.

O proxecto de construción incorpora algunhas das achegas formuladas no período de exposición pública para facilitar a accesibilidade a unha granxa próxima.


Deste xeito, a nova vía entre a N-525 e a AG-53 terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelamente á autovía pola súa marxe dereita, manténdose a entrada na estrada nacional en dirección Ourense.

As obras incluirán, ademais, a habilitación dunha intersección para que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo, manténdose o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa próxima e á estrada nacional.
A construción dun acceso á autovía é unha vella demanda deste municipio pontevedrés, que na actualidade só conta cun semienlace para acceder a esta vía de alta capacidade en dirección a Santiago.

O novo enlace evitará que os veciños de Dozón e da súa contorna deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense.

O departamento de Infraestruturas da Xunta está a redactar o proxecto que completa todos os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía AG-53. O novo ramal, que se situaría no punto no que está o actual semienlace, permitirá que os vehículos con orixe Ourense poidan saír cara a Dozón.
 

Imaxes relacionadas