A Xunta impulsará a variante da estrada PO-510 no Porriño coa fin de mellorar a mobilidade dos veciños de Budiño e da contorna

Francisco Menéndez traslada a disposición da Xunta de executar este ambicioso proxecto que supón replantexar a rede viaria da zona, executando a nova variante da estrada para a conexión directa coa A-55

Salienta que o seguinte paso será licitar a redacción do proxecto de trazado de toda a actuación que suporá un investimento estimado de 27 M€, cunha primeira fase de 6 M€, polo que se estudará o seu financiamento con fondos de reconstrución
 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2020

A Xunta impulsará a variante da estrada PO-510 no Porriño coa fin de mellorar a mobilidade dos veciños de Budiño e doutros municipios limítrofes como Salceda de Caselas ou Salvaterra de Miño. O Goberno galego estudará un posible financiamento desta actuación a través do mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co tenente de alcalde do Porriño, Pedro Pereira, a quen lle trasladou a disposición do Goberno galego de executar este ambicioso proxecto, que supón replantexar a rede viaria da zona, executando a nova variante da estrada para a conexión directa coa autovía A-55, Vigo-Tui.

Francisco Menéndez explicou que esta opción permitiría eliminar o tráfico interurbano nos tres primeiros quilómetros da vía, de xeito que os dous primeiros darían servizo ás canteiras e ao polígono e o terceiro facilitaría a mobilidade dos veciños de Budiño.

A Xunta incorpora ao proxecto a solicitude do Concello do Porriño de eliminar un ramal paralelo á PO-510, entre os seus puntos quilométricos 2 e 3, e aproveitar o viario interior do polígono.

Segundo trasladou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, o seguinte paso será licitar a redacción do proxecto de trazado de toda a actuación, que suporá un investimento importante, estimado nun total de 27 M€, cunha primeira fase de 6 M€, de aí que a Xunta estudará un posible financiamento desta actuación a través do mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea.

Francisco Menéndez avanzou que, mentres se avanza na tramitación do proxecto da variante, a Axencia Galega de Infraestruturas estudará posibles medidas a curto prazo para a mellora da seguridade viaria do treito inicial da PO-510.