A Xunta presenta a primeira diagnose sobre o cumprimento en Galicia dos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anuncia que o IGE difundirá a próxima semana os indicadores estatísticos da Axenda 2030 na Comunidade, iniciando así a primeira serie histórica para analizar o cumprimento en Galicia da folla de ruta aprobada en 2015 polas Nacións Unidas

Entre as conclusións da comisión interdepartamental creada pola Xunta para o seguimento da iniciativa figuran o aumento do volume das augas residuais depuradas, a evolución positiva do turismo sustentable ou a aprobación da estratexias galegas de Economía Circula e de Cambio Climático e Enerxía
 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia presentou esta mañá o primeiro informe de diagnose sobre a aplicación na comunidade dos obxectivos de desenvolvemento sostibles (ODS) impulsados pola ONU no ano 2015 co fin de avanzar cara a un mundo máis xusto e sustentable a través do impulso de iniciativas, políticas e programas específicos desde diferentes ámbitos.

Os resultados da análise foron abordados esta mañá durante a reunión da Comisión Interdepartamental para o seguimento en Galicia da chamada Axenda 2030, un órgano presidido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e integrado por máis de 30 representantes de todos os departamentos da Xunta.

Grazas á diagnose realizada, a responsable autonómica subliñou que Galicia pode coñecer non só o estado actual da comunidade con respecto ás metas fixadas polas Nacións Unidas a través da Axenda 2030 e os seus 17 ODS, senón tamén identificar oportunidades de mellora de cara ao futuro.

Neste sentido, Ángeles Vázquez anunciou que a vindeira semana o Instituto Galego de Estatística (IGE) difundirá por primeira vez os indicadores da Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable en Galicia, unha nova ferramenta de análise que permitirá iniciar a serie histórica sobre o cumprimento na comunidade da folla de ruta marcada polas Nacións Unidas nesta materia.

O informe presentado esta mañá constitúe “a base” sobre a que seguir “construíndo unha Galicia máis sustentable, máis innovadora e máis verde”, segundo explicou a conselleira, quen detallou que para obter esta diagnose estudáronse os avances acadados na comunidade para 77 das 169 metas comúns propostas pola ONU e abrangue os 17 ODS identificados.

Entre as principais conclusións obtidas neste estudo diagnóstico pode citarse a nivel ambiental e de calidade da auga que Galicia aumentou o volume de augas residuais depuradas por habitante e día en máis dun 50%. Tamén destaca en enerxías renovables, un indicador moi ligado ás accións promovidas pola Xunta como coordinadora en Galicia do Pacto das Alcaldías e no que se seguirá avanzando grazas á aprobación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 a finais do ano pasado.

O papel do turismo sustentable e a súa evolución tamén ocupan un papel destacado na análise feita pola comisión interdepartamental, como motor que impulsa e promove a preservación do patrimonio natural e cultural galegos, á vez que potencia o emprego e a economía. Relacionado con isto, no ODS número 15, Vida de Ecosistemas Terrestres, Galicia deu pasos importantes de cara á conservación de todos os valores e elementos naturais que a conforman, como foron a aprobación da Lei de Patrimonio Natural, a posta en marcha da Rede Galega de Parques Naturais e da Rede de Reservas da Biosfera ou a mellora do marco normativo autonómico de protección en materia de paisaxe.

En canto á Promoción de cidades e comunidades máis sustentables, o ODS número 11, houbo avances significativos, como o impulso á chamada Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia ou o Plan de Transporte Público de 2018 así como outras accións interdepartamentais para achegar ás nosas urbes ao modelo da Axenda 2030.

Así mesmo, con relación aos obxectivos 12 e 13 fixados pola ONU –que se corresponden coa Produción e o consumo responsables e a Acción polo clima- o informe salienta dous fitos recentes pero que marcarán a evolución da comunidade nos próximos anos con relación a ambos indicadores: a Estratexia de Economía Circular 2030, cunha dotación de 865 millóns e cuxo retorno se estima en máis de 6.000 millóns; e a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que ten como meta alcanzar a neutralidade climática, coa que se busca o equilibrio entre as emisións e a capacidade de absorción natural do medio.

Constitución e finalidade da comisión interdepartamental

A Xunta de Galicia puxo en marcha o ano pasado a Comisión Interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 en Galicia, un organismo de coordinación no que se integran todos os departamentos da Administración autonómica para poder responder ao carácter transversal que require a implantación dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

Este organismo encárgase de coordinar e dirixir os esforzos do Goberno galego na materia, tomando coma referentes os 17 ODS da ONU, que abranguen aspectos tan dispares como o fin da pobreza e da fame, a igualdade de xénero, o acceso a auga e ao saneamento, a produción e consumo responsables ou a busca de cidades e rexións máis sustentables.

Entre as súas funcións concretas cómpre subliñar a de coñecer as iniciativas, plans e programas existentes nos distintos ámbitos que abranguen os obxectivos de desenvolvemento sustentable, facer un seguimento da súa execución, estudar a propoñer novas actuacións para avanzar nos indicadores, e instar a outros organismos, públicos e privados, para que impulsen as medidas necesarias co fin de achegar máis a Galicia ao cumprimento destes obxectivos. Este primeiro informe de seguimento, de feito, enmárcase no obxectivo da comisión de verificar os avances que se dan para cumprir as metas da ONU.

Imaxes relacionadas