A Aixola colabora cos mariscadores de Lourizán coa reparación dunha embarcación propiedade da confraría

Os profesores e estudantes da escola dependente da Consellería do Mar corrixiron as deficiencias detectadas na embarcación ‘Sementeira’, que os profesionais do sector empregan para devolver ao mar os excedentes de capturas realizados polo marisqueo a pé

Esta unidade dá servizo a un colectivo de 350 mariscadores e fora deteriorándose co paso do tempo como consecuencia do seu uso

Os traballos realizados polo alumnado consistiron, entre outros, na limpeza xeral do casco e da cuberta, o seu lixado e a reparación das deficiencias así como o desmontado, limpeza e revisión de todos os sistemas do motor

Vigo, 15 de novembro de 2020

O centro de formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar e xestionado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, colaborou cos mariscadores da Confraría de Pescadores San Andrés de Lourizán mediante a realización dos traballos de reparación da embarcación Sementeira, empregada para devolver ao mar os excedentes de capturas rexistrados polos profesionais do marisqueo a pé da entidade.

A restauración desta embarcación de poliéster comezou a mediados de agosto co seu traslado ás instalacións da Aixola no porto de Marín, onde os profesores e alumnos dos cursos de Laminado manual en poliéster para pezas de acuicultura e construción naval e Mecánica básica de motores en embarcacións menores analizaron as partes deterioradas e definiron os traballos a realizar para corrixir esas deficiencias.

Esta unidade, que presta servizo a un colectivo de arredor de 350 mariscadores, fora deteriorándose co paso do tempo como consecuencia do seu uso, polo que a confraría de Lourizán decidiu solicitar a colaboración do centro dependente da Consellería do Mar, dada a experiencia que ten acumulada neste eido, para a súa restauración.

Os traballos realizados polos alumnos da Aixola consistiron, entre outros, na limpeza xeral do casco e da cuberta, o lixado, reparación de deficiencias e pintado da embarcación así como o desmontado, limpeza, revisión e comprobación de todos os sistemas do motor para verificar o seu correcto funcionamento.

A entrega da embarcación á confraría produciuse nos últimos días, unha vez completados os traballos, co que os profesionais do sector teñen xa á súa disposición este equipamento renovado e fundamental para o desenvolvemento da súa actividade.

Oferta formativa da Aixola

Os cursos de laminado en poliéster e de mecánica básica que permitiron arranxar esta embarcación enmárcanse na oferta formativa lanzada pola Aixola o pasado mes de agosto, que inclúe máis de 2.100 horas de formación en oito cursos cun cento de prazas dirixidas a alumnado do sector pesqueiro. Á marxe dos oito cursos de diferente temática vinculada coa pesca, e que oscilan entre as 70 e as 350 horas lectivas, a oferta do centro de formación complétase con varios módulos nas áreas de emprego e prevención de riscos laborais que complementan a preparación do alumnado beneficiario.

Imaxes relacionadas